Política Social inaugura en Lalín o novo curso de formación e ocio para persoas maiores de Ategal

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, asistiu ao acto, celebrado no auditorio do concello pontevedrés

Lalín (Pontevedra), 17 de novembro de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou esta mañá na inauguración do curso 2021-2022 da Asociación Cultural Ategal, que logo de 43 anos continúa ofrecendo obradoiros de formación e ocio para persoas adultas.

Durante a súa intervención, González Abeijón salientou o labor que realizan as entidades que traballan diariamente para visibilizar a necesidade de ofrecer ás persoas maiores unha oferta variada de envellecemento activo, meta cara á que a sociedade e as administracións deben avanzar conxuntamente.

A xornada, celebrada no Auditorio de Lalín, concello situado no quilómetro 0 de Galicia, contou, entre outras actividades, por un relatorio impartido polo xerontólogo Javier Yanguas, un coloquio dirixido por Celso Fernández Sanmartín e unha visita cultural guiada á contorna de Lalín.

Ategal conta con oito centros repartidos por toda a Comunidade: Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Padrón na provincia da Coruña; Vilalba e Monterroso na de Lugo; Vigo na de Pontevedra e a aula que ten da capital ourensá.
 

Imaxes relacionadas