O Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade abriu o curso escolar neste centro

Román Rodríguez destaca o papel da Escola de Arte Dramática de Galicia, en Vigo, como "factoría de talento e creatividade" dentro e fóra da Comunidade

Compromete a aposta da Xunta polo impulso deste centro como “referente e canteira” para o sector da dramaturxia na Comunidade

Aposta por seguir reforzando a oferta formativa da escola con accións como o proxecto CDG Lab, de incorporación dos estudantes ao mercado laboral, ou `Nós, territorio escénico’, de colaboración con escolas de Francia e Portugal

Esta escola é unha das catro únicas en España que oferta titulacións superiores nas especializades de interpretación, escenografía e dirección escénica

O director do Centro Dramático Galego, ex alumno do centro, Fran Núñez, encargouse da lección inaugural

Un total de 18 estudantes de ensinanzas artísticas superiores, catro deles da Escola de arte Dramática de Galicia, benefícianse das axudas do Goberno galego para a mobilidade no marco do programa europeo Erasmus+

Vigo, 17 de novembro 2021

A Xunta de Galicia ten o firme compromiso de seguir impulsando e reforzando a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia en Vigo, ESAD, como “factoría de talento e de creatividade” dentro e fóra da Comunidade. Así o destacou esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, con motivo do acto simbólico de inauguración do curso escolar neste centro, cuxa lección inaugural correu a cargo de Fran Núñez, ex alumno deste centro e director do Centro Dramático Galego, a unidade de produción teatral da Xunta. Ao acto, que se completou cunha visita polas instalacións da escola, tamén asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil.

O conselleiro recalcou que ao longo dos seus 15 anos de historia, esta escola que hoxe conta con 167 alumnos matriculados converteuse en “referente e canteira” para o sector da dramaturxia na Comunidade “e tamén fóra”. De feito, é unha das catro únicas de España que oferta titulacións superiores nas especialidades de interpretación, escenografía e dirección escénica.

Ademais, o seu potencial creativo reflíctese en datos como que o teatro público da Comunidade “está baixo a dirección Fran Núñez, alumno da primeira promoción da escola, ou que catro das cinco últimas estreas do CDG estaban dirixidas por ex alumnos e aproximadamente o 35% do elenco e do equipo técnico das mesmas foi estudante desta escola”, especificou o conselleiro. Tamén lembrou que catro alumnos (tres mulleres e un home) da escola acaban de ser beneficiados das axudas da Xunta para o programa comunitario Erasmus+ destinados a estudantes que cursan ensinanzas artísticas superiores en centros públicos de Galicia

Reforzo da oferta formativa

De cara ao futuro, Román Rodríguez subliñou que “unha das prioridades” do Goberno galego pasa por seguir reforzando a oferta formativa da escola e, de xeito paralelo, o talento dos seus alumnos a través do Centro Dramático Galego, a unidade de produción teatral da Xunta.

Este é o caso do proxecto CDG Lab, que se puxo en marcha o curso pasado co obxectivo de favorecer a incorporación dos estudantes ao mercado laboral. A través deste proxecto -explicou o conselleiro- promovemos encontros desde o Centro Dramático Galego sobre planificación, produción teatral e creación artística, e tamén sobre acompañamento e asesoramento ao alumnado para apoiar a transición dos proxectos nacidos na escola ao mundo laboral e mesmo prácticas extracurriculares”.

O conselleiro anunciou tamén a reanudación do proxecto Nós, territorio escénico, de colaboración coas escolas superiores de arte dramático de Galicia, Francia e Portugal co obxecto de crear un espectáculo conxunto do que formen parte os alumnos destas escolas.

A maiores, cómpre destacar outras formacións de carácter complementario como o obradoiro sobre procesos de creación teatral a cargo de Matarile Teatro, ou un servizo de transporte desde a Escola ás funcións do Centro Dramático Galego co obxectivo de que os futuros profesionais da dramaturxia en Galicia “teñan a oportunidade de ver de primeira man as producións e o traballo que realizan os profesionais do centro”, sinalou Román Rodríguez.

Axudas Eramus+ para ensinanzas artísticas superiores

Doutra banda, un total de 18 estudantes benefícianse este ano das axudas complementarias da Xunta de Galicia ás achegadas pola Unión Europea no marco á mobilidade do Programa comunitario Erasmus+, tal e como publica o Diario Oficial de Galicia.

Os beneficiarios son sete estudantes da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (Santiago de Compostela), catro da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (Vigo), tres do Conservatorio Superior de Música de Vigo, dous do Conservatorio Superior de Música da Coruña e outros dous da Escola de arte e Superior de Deseño Pablo Picasso (A Coruña).

A Xunta de Galicia destina un orzamento de 40.000 euros a estas bolsas, ás que poden optar todos aqueles estudantes galegos que tivesen dereito ás axudas europeas. A duración das axudas e a súa contía varía en función do país de destino, e da duración da estadía (entre os dous e os nove meses). Así pois, os beneficiados perciben bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes, que se suman ás axudas europeas.

Imaxes relacionadas