Trenor supervisou as obras de mellora que se están executando na Oficina Agraria Comarcal de Padrón cun investimento de case 50.000€

O delegado da Xunta recalcou que as referidas actuacións enmárcanse no Plan integral de reestruturación e optimización das oficinas agrarias comarcais

Os obxectivos fundamentais destes traballos son dar unha resposta óptima ás demandas actuais da poboación rural e mellorar as condicións laborais das persoas que desenvolven as súas tarefas nas ditas oficinas
 

Padrón (A Coruña), 17 de novembro de 2021

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado do alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, visitou a Oficina Agraria Comarcal desta localidade, na que se está levando a cabo unha actuación de mellora integral que conta cun orzamento próximo aos 50.000 euros.
Entre as actuacións que se levarán a cabo destacan a renovación da carpintería interior e de toda a pintura de paredes e teitos. Ademais, está previsto o cambio de toda a iluminación para lograr unha maior eficiencia enerxética no edificio.

Ademais, estase executando unha reforma integral no aseo dos veterinarios xunto cunha reordenación dos espazos para habilitar unha nova zona administrativa que permita ofrecer unha atención máis directa e ampla.

O proxecto tamén contempla un trasdosado na fachada norte e leste da primeira planta para mellorar as condicións térmicas do inmoble. Finalmente, estase levando a cabo tamén a renovación da instalación eléctrica existente para dar un adecuado servizo adaptado ás necesidades de persoal existentes.
Plan integral de reestruturación e optimización das oficinas agrarias comarcais
O delegado da Xunta recalcou que as referidas actuacións enmárcanse no Plan integral de reestruturación e optimización das oficinas agrarias comarcais iniciado pola Xunta, que inclúe tanto actuacións de optimización de tipo organizativo e funcional, como de mellora das infraestruturas e da dotación das oficinas.

Os obxectivos fundamentais das diferentes actuacións deste plan son, por unha parte, dar unha resposta óptima ás demandas actuais da poboación rural en relación aos servizos públicos e, ao mesmo tempo, mellorar as condicións laborais das persoas empregadas públicas que desenvolven as súas tarefas nas ditas oficinas, o que repercute positivamente na relación entre a Xunta de Galicia e o sector primario.

Imaxes relacionadas