A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade desprazouse ao centro de conservación e explotación das Pontes para supervisar o operativo do Plan de Vialidade Invernal, activado xa en toda Galicia ata o 30 de abril

Ethel Vázquez destaca que a Xunta ten despregados 390 profesionais e dispostas máis de 5.200 toneladas de fundentes para garantir a seguridade nas estradas autonómicas ante a climatoloxía adversa

Sinala que son 26 os centros que están operativos e 190 máquinas mobilizadas para garantir a seguridade e a mobilidade nos máis de 5.500 km de vías autonómicas, con especial atención aos 1.000 km que por altitude son máis susceptibles de neve ou xeo

Concreta o despregue activado nos 1.725 km de estradas da Xunta na provincia da Coruña, con 8 centros operativos, 128 profesionais, 42 máquinas e máis de 1.200 toneladas de fundentes

As Pontes de García Rodríguez (A Coruña), 17 de novembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe que a Xunta ten despregados 390 profesionais e dispostas máis de 5.200 toneladas de fundentes para garantir a seguridade nas estradas autonómicas ante a climatoloxía adversa.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade desprazouse esta mañá ao centro de conservación e explotación das Pontes de García Rodríguez para supervisar o operativo de Plan de Vialidade Invernal nas estradas de titularidade autonómica.

Destacou que a Xunta xa ten activado o Plan de Vialidade Invernal para estar preparados ante fenómenos como chuvias intensas, neve ou xeadas, característicos desta época do ano, que poden dificultar a circulación nas estradas. Está activado, concretamente, desde o pasado 1 de novembro nas provincias de Lugo e Ourense, e deste este mesmo luns, 15 de novembro, tamén nas provincias da Coruña e de Pontevedra, manténdose operativo en toda Galicia ata o 30 de abril.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade explicou que o dispositivo de medios materiais e humanos está preparado para actuar e facer fronte aos efectos da climatoloxía adversa e garantir a seguridade e a mobilidade nos máis de 5.500 km de estradas de titularidade da Xunta, prestando especial atención aos preto de 1.000 km de vías que, por altitude, son máis susceptibles de incidencias por neve ou xeo.
O plan recolle medidas preventivas, para anticiparse aos contratempos que se poidan producir, e medidas paliativas, para reforzar a seguridade viaria en situacións meteorolóxicas desfavorables.

Ethel Vázquez concretou que, no marco deste plan, para atender os 1.725 km de estradas da Xunta na provincia da Coruña traballan 128 profesionais, despregados en 8 centros operativos, dotados con 1.200 toneladas de acopios e fundentes e con 42 máquinas entre camións, cuñas, pick-up ou esparexedores de sal.

No conxunto de Galicia son, en total, 26 os centros operativos e 390 os profesionais que velarán pola seguridade nas estradas de titularidade da Xunta, con 190 máquinas e máis de 5.200 toneladas de fundentes.

Vázquez Mourelle lembrou que a Xunta destina cada ano arredor de 50 M€ ao mantemento en boas condicións da rede de estradas da súa titularidade, un gran esforzo en conservación no que destacan accións coma estas, da vialidade invernal.

Apelou, tamén, á implicación de todos os cidadáns neste esforzo conxunto por garantir a seguridade viaria, dado que ningún plan da Administración, dixo, pode substituír a prudencia e a concienciación social. Cómpre extremar as precaucións ao volante, especialmente nesta época do ano, e seguir en todo momento as recomendacións da Dirección Xeral de Tráfico para evitar complicacións, subliñou.

Imaxes relacionadas