O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá no encontro celebrado na localidade palentina de Carrión de los Condes

A Xunta salienta a vocación de estabilidade da Lei de impulso demográfico nas xornadas sobre dinamización demográfica de Castela e León

A primeira normativa estatal neste eido busca orientar actuacións en materia demográfica que transcendan do ámbito político temporal e que permitan unha planificación a medio e longo prazo

Carrión de los Condes (Palencia), 17 de novembro de 2021

O director xeral de Familia, infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, salientou a vocación de estabilidade da Lei de Impulso Demográfico de Galicia. O representante do departamento autonómico expuxo esta mañá as liñas básicas da primeira normativa de España en materia de demografía nas Xornadas sobre Dinamización Demográfica organizadas pola Junta de Castela e León e celebradas no Mosteiro de San Zoilo de Carrión de los Condes, en Palencia.

Jacobo Rey lembrou que o texto legal, aprobado polo Parlamento de Galicia en febreiro deste ano, busca “orientar actuacións en materia demográfica que transcendan do ámbito político temporal e que permitan unha planificación a medio e longo prazo”. Así, engadiu, o obxectivo da Lei de Impulso Demográfico de Galicia é regular e blindar as medidas deseñadas polo Goberno galego durante os últimos anos en materia de demografía, así como a posta en marcha de novas iniciativas que axuden a fixar poboación no rural e a facilitar a conciliación e o asentamento das familias, teñan as características que teñan, na Comunidade galega.

Entre outras medidas recollidas na normativa galega, o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica salientou aquelas dirixidas ás familias numerosas, ás monoparentais, a primeira estratexia integral para fomentar o regreso dos galegos que viven no exterior (Estratexia Retorna 2020) e diferentes propostas enfocadas a fixar poboación nos concellos máis pequenos de Galicia.
 

Imaxes relacionadas