A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu ao acto no marco dun encontro do sector que ten lugar en Toledo

Política Social participa na entrega do 'Selo Compromiso REAJ' ao albergue de Bela Muxía

O recoñecemento premia os altos estándares de calidade, así como o compromiso social e medioambiental desta instalación

Toledo, 17 de novembro de 2021

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, vén de participar na entrega ao albergue Bela Muxía do Selo Compromiso REAJ, que concede a Red Española de Albergues Juveniles para certificar a calidade das instalacións. Este recoñecemento coincide coa celebración do Encontro de directores e directoras de albergues xuvenís da REAJ que desde a xornada de onte e ata maña xoves se celebra na cidade toledana.

Cristina Pichel sinalou que a distinción outorgada a Bela Muxía premia os altos estándares de calidade deste equipamento, así como o seu compromiso social e medioambiental. O Selo Compromiso REAJ está baseado no cumprimento de 105 ítems que garanten a excelencia do albergue. O proceso de obtención do mesmo consiste nun sistema de auditorías no que cada infraestrutura é estudada de maneira minuciosa e individual co obxectivo de garantir o cumprimento de todos os estándares e criterios asociados ao selo.

Por outra banda, ao longo encontro de responsables de albergues xuvenís abordaranse cuestións como o exercicio de boas prácticas nestas instalacións, estratexias de márketing ou intelixencia relacional e coaching, entre outras.

A REAJ conta con máis de 300 albergues en España e, a través do Carné do Alberguista, ofrece aos seus socios máis de 4000 instalacións en todo o mundo, así como descontos en transportes, museos ou restaurantes.

Imaxes relacionadas