A Xunta pon en valor o compromiso de Galicia contra a violencia dixital na xornada ‘Agresión OFF’ celebrada hoxe no campus de Pontevedra

O Goberno galego levou hoxe ao campus de Pontevedra as xornadas coas que, con motivo do día 25-N contra a violencia de xénero, pretende sensibilizar aos máis novos

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou o acto e instou ao Goberno central a emular á Xunta e artellar un sistema que permita retirar contidos web que promovan a violencia sexual así como a establecer mecanismos de vixilancia

Pontevedra, 17 de novembro de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, inaugurou hoxe na Casa das Campás, en Pontevedra, a xornada Agresión Off coa que a Xunta está a sensibilizar a estudantes dos sete campus galegos contra a violencia sexual, e fixo referencia ao papel pioneiro de Galicia que incluirá na súa lexislación a violencia dixital como violencia de xénero, tras acadar o consenso parlamentario.
Tal e como lembrou López Abella, os delitos sexuais exercidos a través das tecnoloxías están aumentando na comunidade, polo que é un fito que Galicia teña actuado e leve dianteira ao resto das comunidades autónomas para facer fronte a situacións de ciberbullying, sextorsión, usurpación de identidade, sexting ou pornovenganzas, entre outros comportamentos con especial incidencia entre a mocidade.
Desde a Xunta séguese a reclamar ao Goberno central un desenvolvemento normativo que artelle un sistema de coordinación, cooperación e corregulación entre forzas e corpos de seguridade, empresas de telecomunicacións e provedores de contidos dixitais, para regular a potestade urxente de retirar contidos web que promovan a violencia contra mulleres e establecer mecanismos axeitados de vixilancia, lembrou a secretaria xeral.
Precisamente a percepción que os adolescentes teñen nas redes sociais sobre a violencia de xénero, ou a utilización destas en condicións de seguridade centraron algúns dos relatorios que hoxe se impartiron ante os estudantes de Pontevedra.
Coa celebración destas xornadas, a Xunta está a dar continuidade, ás accións desenvolvidas no marco da campaña Agresión OFF, que en 2020 percorreu o diferentes puntos da xeografía galega, chegando a máis de 2.500 persoas, principalmente mulleres de entre 20 e 45 anos.
Nos próximos días, estudantes dos campus de Lugo (23 de novembro) e Vigo (24 de novembro) poderán participar nas xornadas organizadas nas súas respectivas universidades, no marco do programa de actos que a Xunta promove polo 25-N, Día internacional contra a violencia de xénero.
A información para participar nas sesións está a dispor das persoas interesadas na web www.xornadasagresionoff.gal.

Imaxes relacionadas