O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá no noveno Foro Infantil UNICEF – Parlamento de Galicia

A Xunta anima a todas as nenas e nenos a compartir as súas opinións e inquedanzas no futuro Consello Galego de Participación Infantil

As súas achegas permitiranlles participar na toma de decisións e o deseño de políticas públicas

O decreto que regulará o funcionamento do organismo, consensuado coas principais entidades do sector, afronta xa a súa recta final

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia anima a todas as nenas e nenos da Comunidade a compartir as súas opinións, ideas e inquedanzas sobre aqueles asuntos do seu interese no futuro Consello Galego de Participación Infantil e Adolescente e, “deste xeito, participar na toma de decisións e o deseño de políticas públicas”. O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, adiantou, así mesmo, durante o noveno Foro Infantil UNICEF – Parlamento de Galicia, que se celebrou esta mañá no Pazo do Hórreo, que o decreto que regulará a constitución e funcionamento deste organismo afronta xa a súa recta final.

Jacobo Rey instou aos máis pequenos, e tamén ás mozas e mozos, a participar activamente nunha iniciativa que “contribuirá a facer realidade o dereito á participación social dos nenos nenas e adolescentes, para que, como cidadáns que sodes, poidades expor” todo aquelo que lles preocupa ou interesa.

Ademais, o Consello Galego de Participación infantil e Adolescente, que verá a luz nas vindeiras semanas e cuxo funcionamento foi consensuado coas principais entidades do sector, busca conseguir máis cohesión e concienciación no conxunto da sociedade galega sobre a necesidade de protexer os dereitos da infancia e da adolescencia. Así, este órgano estará conformado polos participantes nas comisións locais que pertenzan ao programa Cidades Amigas da Infancia e buscará solucións para as diferentes dificultades ás que se enfronta a mocidade desde o consenso e a colaboración.

Cidades amigas da Infancia

Neste sentido, cabe salientar que nos últimos anos o número de localidades galegas adheridas ao programa Cidades Amigas da Infancia pasou dunha, Castrelo de Miño, a dez coa incorporación dos concellos de Teo, Cabanas, Carnota, Moeche, Redondela, Tomiño, O Porriño e Ourense e a máis recente de Ponteareas.

Imaxes relacionadas