A Xunta concede 25 axudas por case 37.000 euros para compensar os danos causados polo oso pardo

O DOG publica hoxe a resolución da orde convocada este ano por primeira vez co fin de paliar o impacto que provoca esta especie silvestre sobre explotacións e colmeas

Santiago de Compostela, 16 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia concedeu este ano un total de 25 axudas por un importe de 36.722,29 euros para paliar os danos causados polo oso pardo en explotacións gandeiras e, de forma particular, naquelas dedicadas á apicultura.

O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a resolución da orde de subvencións convocada pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o pasado mes de marzo, a primeira dirixida especificamente a compensar os danos que provoca esta especie silvestre nas comunidades rurais.

En concreto, os beneficiarios desta convocatoria son titulares de explotacións inscritas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (Rega), así como propietarios de colmeas que se viran afectadas e deran traslado dos danos sufridos a través do teléfono 012.

A contía das axudas concedidas varían notablemente xa que se calculan en función das especies afectadas ou, no caso das explotacións apícolas, dos elementos danados do colmear e do grao de afectación.

Ademais, segundo as bases desta primeira convocatoria de axudas, tamén se consideran subvencionables os danos sufridos como consecuencia da acción do oso sobre rolos de herba, así como os gastos veterinarios ou de eutanasia, ou aqueles derivados dunha res afectada que sobreviva e sufra un aborto, de ser o caso.

Cómpre lembrar que estas axudas para paliar os danos causados polo oso se manterán o próximo ano. Así, nos orzamentos da Consellería de 2022 resérvase unha partida de 60.000 euros para compensar o impacto desta especie en explotacións e colmeas.

O obxectivo da Xunta con estas axudas é minorar a conflitividade social naquelas zonas nas que se ten detectado a presenza de osos e fixar un mecanismo de resposta que permita paliar os danos ocasionados por esta especie e complemente á vez o instrumento de axudas para a adopción de medidas preventivas fronte a estes animais, un capítulo ao que o próximo ano a Consellería destinará outros 20.000 euros.

Imaxes relacionadas