O presidente da Xunta participou esta mañá na mesa redonda Xacobeo 21-22: un modelo sostible e intelixente de redescubrir Europa a través do Camiño de Santiago

Feijóo refírese ao Camiño como un “faro permanente” do que é o feito europeo e invita a visitar Galicia no Ano Santo dobre para vivir unha experiencia “que non se esquece”

Resalta que os máis de 83.000 quilómetros de sendas xacobeas que vertebran o continente ou os seus máis de 1.200 anos, son unha alegoría de todo canto simboliza a Unión: “Europa é solidariedade e non hai nada máis solidario que o Camiño”, di

Asevera que Galicia seguirá traballando para manter a chama viva do Camiño e expón a oportunidade que supoñen os fondos europeos para o mantemento e a mellora dos Camiños
 

Bruxelas, 16 de novembro de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe ao Camiño de Santiago como un “faro permanente” do que é o feito europeo e invitou a todos os cidadáns a visitar Galicia no Ano Santo dobre para vivir unha experiencia “que non se esquece”.

Durante a súa participación na mesa redonda Xacobeo 21-22: un modelo sostible e intelixente de redescubrir Europa a través do Camiño de Santiago, Feijóo resaltou que os máis de 83.000 quilómetros de sendas xacobeas que vertebran o continente ou os seus máis de 1.200 anos, son unha alegoría de todo canto simboliza a Unión. “Europa é solidariedade e non hai nada máis solidario que o Camiño”, abundou.

Así mesmo, salientou que ao longo destes anos Galicia renovou a súa universalidade e proxección cara ao mundo, reflectida na rehabilitación integral da Catedral de Santiago e no proxecto de Google Arts&Culture para, a través das 4.750 fotografías e vídeos, dos 105 reportaxes visuais e das visitas virtuais a monumentos icónicos, os visitantes sintan o que sinte un peregrino.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Goberno galego aseverou que Galicia seguirá traballando para manter a chama viva do Camiño, como proba a cifra récord de peregrinos en 2019, chegando aos preto de 350.000.

Nesta mesma liña, referiuse á oportunidade que supoñen os fondos europeos: “Galicia é unha das rexións de maior execución de fondos e non podemos perder esa oportunidade”, dixo, subliñando o mantemento e a mellora das rutas xacobeas como un dos proxectos fundamentais para investir estes recursos; “porque rehabilitar a arquitectura do Camiño é rehabilitar a nosa historia”.
 

Imaxes relacionadas