A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta novidade nunha visita á casa niño Argalleiros de Navia de Suarna

A Xunta incrementará en 2022 a axuda anual ás promotoras das casas niño en máis de 2000 euros para gastos de funcionamento

As adxudicatarias dos centros que levan menos de 3 anos pasarán a recibir preto de 21.600, mentres as que abriron antes de 2019 acadarán os 24.200 €

Navia de Suarna (Lugo), 16 de novembro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou esta mañá nunha visita á casas niño Argalleiros do concello lucense de Navia de Suarna, que a Xunta de Galicia incrementará en 2022 a axuda anual para o funcionamento que reciben as responsables das casas niño en máis de 2000 euros Este aumento na subvención dá resposta a unha solicitude das promotoras dos centros.

Fabiola García subliñou que as casas niño son un caso de éxito, polo que seguirán contando co apoio do Goberno galego. Ademais, valorou de xeito moi positivo o servizo que realizan para que as nais e pais dos concellos rurais poidan conciliar a súa vida persoal coa laboral.

O incremento que se vai levar a cabo nas axudas anuais para o funcionamento das casas niño suporá que as adxudicatarias que leven menos de tres anos pasarán dunha axuda de 19.600 euros a unha de preto 21.600, e as que levan máis de tres anos pasarán de 22.000 euros a acadar os 24.200 euros.

Preto de 90 beneficiarias

A conselleira de Política Social explicou que esta suba beneficiará as preto de 90 profesionais que traballan neste servizo emprazado en municipios de menos de 5000 habitantes. Así mesmo, recordou que coa creación das casas niño comezou a gratuidade na atención infantil de 0 a 3 anos, posto que as familias non teñen que pagar nada por este servizo.

A gratuidade estendeuse en 2020 aos segundos fillos e seguintes en todas as escolas infantís, sexa cal sexa a súa titularidade; e no vindeiro curso todos os nenos de 0 a 3 anos —os primoxénitos tamén— terán gratis a escola infantil, sexa pública, de iniciativa social ou privada.

Imaxes relacionadas