A Xunta prepara a cesión de vías e outras dotacións na nova área urbanizada do polígono das Gándaras

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na xuntanza para definir a recepción de espazos por parte do Concello de Lugo unha vez rematadas as obras nas que o Goberno galego investiu máis de 2,6M€

Lembrou que está en licitación a terceira fase de ampliación do parque empresarial cun orzamento de 1,65M€

Lugo, 16 de novembro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda xestiona a cesión de espazos públicos ao Concello de Lugo na nova área urbanizada do polígono das Gándaras. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, abordou esta cuestión coa alcaldesa, Lara Méndez, e persoal técnico no propio parque, toda vez que están practicamente rematadas as obras de ampliación, na que se investiron 2,6 millóns de euros.

Arias explicou que se cederán ao concello de Lugo os viais, unha praza pública de máis de 6.000 metros cadrados e unha zona de aparcadoiro de 20.000 metros cadrados para dispoñer máis de 380 prazas de aparcadoiro, que ascenden a 530 si se teñen en conta as prazas dispoñibles nos viarios. A Xunta prevé recibir as obras de ampliación neste mes, co que estaría en disposición de ceder estas novas dotacións ao concello antes de fin de ano.

O delegado destacou que estes traballos sumaron 97.691 m2 de solo industrial nas Gándaras, dos que 45.290 corresponden a 12 parcelas, das que 9 teñen unha superficie de 1.000 m2 cada unha e as outras tres dispoñen de 25.000, 8.990 e 2.300 m2, respectivamente. A expansión posibilita a implantación de novas empresas, como Bricomart, que xa está a construír as súas instalacións nunha destas novas parcelas.

En continuo crecemento

“O polígono das Gándaras segue medrando -afirmou Arias- dado que están en proceso de adxudicación as obras da terceira fase de explanación, urbanización e electrificación, licitadas en outubro cun orzamento de 1,65 millóns de euros”.

Esta terceira fase ocupará unha superficie total de 55.768 m2, dos que 35.434 serán de uso industrial e comercial, repartidos en 27 parcelas con superficies que oscilarán entre 945 e 5.200 m2. A meirande parte das parcelas resultantes terán entre 945 e 1.200 m2, que son as máis demandadas nas Gándaras, e so dúas superarán esa superficie: unha de 2.700 e outra de 5.200 m2.

Imaxes relacionadas