Luis López destaca o apoio e implicación da Xunta na celebración de eventos deportivos na presentación do I RallyMix de Portas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, acompañado do alcalde, Ricardo Martínez, asistíu esta mañá ao acto promocional desta nova proba de motor, que se celebrará a fin de semana do 27 e 28 de novembro

O representante autonómico subliña o "mérito dobre" das escuderías Viva Eventos Deportivos e Charli Romeo polo traballo de crear unha nova competición e cumprir cos protocolos de seguridade sanitaria

Portas, 16 de novembro de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, destacou o apoio e implicación do Goberno galego para a celebración de eventos deportivos na nosa comunidade durante o acto de presentación do I RallyMix de Portas, celebrado esta mañá na emblemática Azucreira.
O representante autonómico, acompañado do alcalde, Ricardo Martínez, e de membros da organización e doutros organismos colaboradores, considerou que a celebración desta proba, na fin de semana do 27 e 28 de novembro, "é unha satisfacción e un avance máis na recuperación da nosa vida social, deportiva e cultural, pero debemos seguir estando alerta e extremando as precaucións e a seguridade sanitaria pola situación epidemiolóxica das últimas semanas cos contaxios da covid-19 en alza".
Por elo, quixo darlle os parabéns ás escuderías Viva Eventos Deportivos, como organizadora, e Charli Romeo, como coorganizadora: "O seu mérito é dobre porque, á habitual complexidade técnica e loxística de organizar unha proba de motor, e máis na súa estrea, hai que engadir o necesario establecemento dos protocolos sanitarios que fan que os eventos, de toda índole, sexan lugares seguros e non estean no foco da preocupación polos contaxios".
Luis López, que recalcou que esta proba do Campionato Galego de RallyMix conta co apoio e a colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22, animou aos pilotos do panorama galego e nacional a participar para respaldar esta nova carreira e amosouse convencido de que "será un éxito" e terá continuidade no futuro, consolidándose no calendario galego.
Así mesmo, tildou o RallyMix de Portas de "moi boa nova" para os milleiros de siareiros galegos das probas de motor e, tras pedirlles sentidiño e responsabilidade no cumprimento dos protocolos, destacou "a paixón que senten por estas carreiras, que é moi digna de admirar e que fan de Galicia un dos grandes focos mundiais dos rallies".

Imaxes relacionadas