A Xunta celebra a xornada ‘Agresión OFF’ no Campus coruñés para que a mocidade recoñeza a violencia sexual e a combata desde as redes

O Goberno galego levou hoxe ao campus herculino as xornadas coas que, con motivo do día 25-N contra a violencia de xénero, pretende sensibilizar aos máis novos

O acto contou coa presenza da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, que informou dos recursos que a Xunta pon a dispor das vítimas

A Coruña, 16 de novembro de 2021

A Xunta celebrou hoxe no campus coruñés unha nova xornada de sensibilización contra a violencia sexual entre as persoas mozas, no marco da iniciativa Agresión Off que está a percorrer os sete campus universitarios polo 25 de novembro, Día internacional contra a violencia de xénero. A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou na actividade, que aproveitou para informar dos recursos que a Xunta está a por a dispor da sociedade para visibilizar esta lacra e acompañar ás súas vítimas.
Tal e como lembrou López Abella na xornada celebrada no salón de actos da Facultade de Ciencias da Educación da Coruña, Galicia recoñece a violencia sexual como forma de violencia de xénero. A Xunta leva anos comprometida na visibilización deste fenómeno, na sensibilización entre a poboación máis nova e no acompañamento ás vítimas, asegurou.
Neste marco de actuacións o Goberno galego creou en 2020 un grupo de traballo no marco do Observatorio Galego contra a Violencia de Xénero que aborda pautas para a prevención e o tratamento das distintas formas de violencia sexual. A Secretaría Xeral da Igualdade colabora ademais coa Fundación Meniños coa que está a desenvolver un programa de atención e intervención con mulleres vítimas de violencia sexual en Galicia e coa entidade Acadar, centrada las mulleres vítimas con algunha discapacidade.
Coa celebración das xornadas nos campus como a de hoxe, a Xunta está a dar continuidade, ás accións desenvolvidas no marco da campaña Agresión OFF, que en 2020 percorreu o diferentes puntos da xeografía galega, chegando a máis de 2.500 persoas, principalmente mulleres de entre 20 e 45 anos.
A sesión de hoxe no campus coruñés permitiu aos participantes afondar na realidade da violencia sexual, no seu recoñecemento ou sobre o tratamento mediático das informacións acerca desta lacra.
A mesa de debate centrouse na análise das formas de interacción social nas redes para a prevención de violencias sexuais na xuventude, na percepción da violencia de xénero en adolescentes e nas marcas do machismo.
Estas xornadas celebraranse nos próximos días nos campus de Pontevedra (17 de novembro), Lugo (23 de novembro) e Vigo (24 de novembro).
A inscrición para participar nesta iniciativa é gratuíta e se pode realizar 48 horas antes da celebración de cada xornada a través da páxina web www.xornadasagresionoff.gal. Ao remate entrégase un diploma acreditativo de asistencia ás persoas participantes.