A Xunta anima ás pemes da comarca de Caldas a innovar para ser competitivas e medrar

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe no municipio pontevedrés na iniciativa Camiño da Innovación, que inclúe 18 paradas por toda Galicia

O obxectivo desta xira é difundir as vantaxes de innovar entre as pemes situadas fóra dos núcleos urbanos para impulsar a súa competitividade

Caldas de Reis (Pontevedra), 15 de novembro de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, apuntou hoxe en Caldas de Reis, no marco da iniciativa Camiño da innovación, que “a innovación está ao alcance de todas as empresas, con independencia do seu tamaño, localización ou sector” e instou ás pequenas e medianas empresas a innovar para ser competitivas, xa que a innovación determina a capacidade para diferenciarse, achegar valor, adaptarse á contorna e medrar.

Para iso, Argerey apuntou que as pemes, como motor da economía galega, supoñen unha prioridade máxima para a Xunta e sinalou que, para acompañalas no proceso da innovación, se puxo en marcha o Programa de Impulso da Innovación nas Pemes, no que se enmarca esta iniciativa do Camiño da innovación.

O obxectivo deste programa é acompañar aos sectores máis tradicionais a evolucionar cara a unha economía máis innovadora a través do deseño de liñas de axuda pensadas para eles; difundir a cultura da innovación entre as empresas para aumentar o número de pemes innovadoras galegas; xerar contidos formativos e ferramentas para axudarlles a valorar se están no momento de innovar e ofrecer casos de éxito de empresas innovadoras da contorna que sirvan de exemplo.

No marco deste programa, Camiño da Innovación está a realizar 18 paradas en distintos puntos da xeografía galega entre os meses de novembro e decembro para xerar conciencia nas pequenas e medianas empresas sobre a importancia de innovar para medrar e chegar a novos mercados.

As próximas paradas serán mañá martes en Santa Comba, no Campo da Feira; o mércores na Estrada, na Praza do Concello; e o xoves en Ponte Caldelas, no Chan da Barcia, xunto á ponte. En cada parada –mediante cita previa– ofrécese asesoramento personalizado a pemes e microempresas da man de técnicos de Gain para axudarlles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica. O obxectivo é atender máis de 200 asesoramentos en toda a xira, colaborando con cada empresa na elaboración dunha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.
Ademais, Camiño da innovación presenta tamén a experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa.

Na cita de hoxe en Caldas participaron as empresas Ecoplas Barbanza -centrada na fabricación de mallas extruídas destinadas principalmente ao cultivo e envasado de marisco- e Kemegal Químicos -orientada á fabricación de produtos químicos destinados á limpeza e hixiene en xeral, tratamento de solos e mantenento industrial-.

Nas cinco primeiras paradas, realizáronse 75 asesoramentos, asistiron 200 persoas aos encontros e 16 pemes innovadoras contaron a súa experiencia. Ademais, publicáronse 5 videorreportaxes con algúns destes casos de éxito dispoñibles na web de Gain.

Pode consultarse máis información sobre a iniciativa Camiño da Innovación neste enlace.

Imaxes relacionadas