O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá na Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia de xeito telemático

A Xunta traballa en coordinación co Ministerio e o resto de comunidades autónomas na aplicación da Lei de protección á infancia fronte á violencia

A normativa afecta a competencias autonómicas, como a protección de menores, a educación ou a xustiza

Santiago de Compostela, 15 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia está a traballar, en coordinación co Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 e o resto de comunidades autónomas, na aplicación da Lei de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia (LOPIVI). O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, participou esta mañá de xeito telemático na primeira reunión de traballo celebrada pola Conferencia Sectorial de Infancia e Adolescencia, que se centrou nesta cuestión.

A aplicación da Lei Orgánica 8/2021, de 4 de xuño, de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia implica accións que se enmarcan dentro de competencias autonómicas, como a protección da infancia, a educación ou a xustiza, entre outras, polo que a súa implementación debe ser o máis homoxénea e coordinada posible.

Trátase, lembrou o director xeral de Familia, infancia e Dinamización Demográfica, dun programa de traballo posto en marcha polo Goberno central e as distintas administracións autonómicas para promover a cooperación e a colaboración institucional que debe servir de marco na toma de decisións relacionadas coa implementación da LOPIVI a curto e medio prazo.
 

Imaxes relacionadas