O novo ciclo da Xunta "Música en salas" programa en Lugo 16 concertos de grupos galegos para impulsar a reactivación do sector

O delegado territorial, Javier Arias, subliñou que as actuacións desenvolveranse ata finais de ano e dan continuidade a outras medidas de apoio a estes establecementos tras as restricións derivadas da pandemia

Lugo, 15 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia reforza o seu apoio ao sector da música ao vivo co novo ciclo Música en salas, que traerá ao municipio de Lugo 16 concertos de artistas e bandas galegas cun investimento de 19.400 euros. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou hoxe na presentación desta iniciativa, xunto cos responsables do Club Clavicémbalo, Alberto Grandío, e da Sala Jager, Tino Freijo, que acollerán sete e nove concertos respectivamente.

Arias explicou que se trata dun proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Universidade en convenio coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo -Clubtura-, e co apoio de Músicas ao Vivo como entidade que representa os intereses dos intérpretes. O obxectivo é axudar a reactivar a industria musical galega logo das restricións provocadas pola pandemia.

Os concertos desenvólvense entre novembro e decembro. Este mesmo xoves o Clavicémbalo acolle a actuación de Alfonso Calvo Septeto, e o venres toca na Sala Jager o grupo Malditos Pendejos. A programación pode consultarse nas axendas das webs da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) e Cultura de Galicia.
Arias lembrou que Música en salas súmase a medidas xa contempladas no plan autonómico de reactivación cultural, como a liña extraordinaria de subvencións a salas privadas habilitadas legalmente para organizar espectáculos musicais con público, a través da que a Xunta apoiou nos últimos cinco meses a celebración de concertos nos citados establecementos lucenses máis a Sala Tebras -tamén na capital- cun orzamento de 60.000 euros.

Ademais, este tipo de espazos xa foran destinatarios dun apoio específico en 2020 mediante o programa Directos Xacobeo’21 en Salas, que tivo que reformularse por mor da evolución da pandemia e pasar á gravación de concertos sen público coa súa posterior difusión a través das redes sociais.

O delegado explicou que a través deste acordo con Clubtura, a única asociación galega que agrupa e representa os intereses das salas que programan música en directo, a Xunta recoñécelles o seu relevante papel no desenvolvemento da industria musical en Galicia.

Imaxes relacionadas