O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou hoxe na presentación da iniciativa ‘Pode ser máxico grazas a ti’

A Xunta de Galicia súmase á campaña de nadal de Fegerec para dar visibilidade ás persoas que padecen enfermidades raras

Ten como fin a sensibilización da sociedade sobre estas doenzas e, tamén, recadar fondos para o programa asistencial sociosanitario da entidade a través da venda en farmacias e comercios de doces de caramelo sen glute nin lactosa

A Coruña, 15 de novembro de 2021

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, participou na presentación da campaña de Nadal que pon en marcha a Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec) co fin de dar máis visibilidade a estas enfermidades e recadar fondos para o programa asistencial sociosanitario que realizan.

A nova campaña de Fegerec ten como lenda Pode ser máxico grazas a ti e consiste na comercialización dos chamados ‘bastóns máxicos’, doces de caramelo sen glute nin lactosa de cor vermello e branco. Colexios profesionais farmacéuticos, centros de Vegalsa Eroski, El Corte Inglés, e empresas e comerciantes apoian esta campaña coa posta á venda destes bastóns durante o período de Nadal.

Antón Acevedo puxo en valor o traballo que realiza esta entidade a diario para prestar acompañamento ás persoas desde o primeiro momento e tamén para asesoralas sobre os recursos dispoñibles.

Segundo a Organización Mundial da Saúde existen preto de 7.000 enfermidades raras que afectan ao 7% da poboación mundial. Estímase que en España existen máis de tres millóns de persoas con doenzas pouco frecuentes, 200.000 delas en Galicia.
 

Imaxes relacionadas