A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e alcaldes da zona, supervisou hoxe as obras da 1ª fase de mellora da vía autonómica, entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo

Ethel Vázquez anuncia o inicio da información pública da 2ª fase das obras de acondicionamento da LU-231, que completará un investimento de 6,5 M€ na mellora integral da estrada entre Friol e A Baiuca

Adianta que o obxectivo é ter o proxecto aprobado a mediados de 2022 para iniciar entón as expropiacións das 235 parcelas afectadas pola obra

Esta 2ª fase suporá investir 3,7 M€ no acondicionamento de 9,3 km de estrada, que completarán un eixe norte-sur de mobilidade coas prestacións axeitadas para facilitar o acceso ás autovías A-54, a A-6 e á A-8, favorecendo a competitividade

Os interesados poderán presentar achegas ao proxecto entre Castrelo e A Baiuca ata o 29 de decembro

A conselleira salienta o bo ritmo de execución das obras da primeira fase, entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo, que estarán ao servizo dos veciños o vindeiro verán, grazas a un investimento da Xunta de 2,8 M€

Subliña o impulso ás estradas da provincia de Lugo que prevén os Orzamentos da Xunta para o ano 2022, con 38 M€ consignados para avanzar tamén en proxectos como a autovía Nadela-Sarria ou a LU-651 en Folgoso do Courel

Friol (Lugo), 15 de novembro de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, anunciou hoxe o inicio do proceso de información pública da 2ª fase das obras de acondicionamento da vía autonómica LU-231, que completará un investimento da Xunta de 6,5 millóns de euros na mellora integral da estrada entre Friol e A Baiuca.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e alcaldes da zona, supervisou as obras da 1ª fase de mellora da estrada LU-231, que abrangue 9,4 km, entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo, xa no termo municipal de Palas de Rei.

A conselleira sinalou que esta 2ª fase comprende a mellora dos outros 9,3 km que conforman a estrada autonómica, entre Castrelo e A Baiuca, no enlace coa autovía A-54. Esta actuación, cuxo proxecto, se somete hoxe a información pública con efectos, tamén, expropiatorios, suporá un investimento da Xunta de 3,7 M€, incluíndo o pago dos 235 predios que se verán afectados.

As persoas interesadas teñen agora un prazo de 30 días hábiles, ata o 29 de decembro, para trasladar as súas achegas. Segundo informou Ethel Vázquez, o obxectivo do Goberno galego é ter contestadas as alegacións e o proxecto aprobado a mediados do ano 2022, para iniciar despois as expropiacións.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade subliñou que este novo paso dá cumprimento o compromiso adquirido cos alcaldes e cos veciños de acometer a mellora integral desta estrada entre Friol e a Baiuca e así conformar, xunto coa estrada provincial, un eixe norte-sur de mobilidade con prestacións axeitadas entre a A-54 (en Palas) e a A-6 (en Begonte), nun punto próximo ao enlace coa A-8, favorecendo a competitividade.

1ª fase da mellora da LU-231

A conselleira explicou sobre o terreo o avance das obras da 1ª fase de mellora da estrada LU-231, actuación coa que se incide na seguridade viaria e en propiciar desprazamentos máis cómodos aos veciños, xa que supón ampliar a estrada ata os 8 metros, ademais de rectificación de partes do trazado para suavizar as curvas máis pronunciadas.

Estas obras inclúen a mellora do cruce coa estrada provincial pola que se chega a Guntín, nun sentido, e a Begonte (á A-6), polo outro.

A titular de Infraestruturas da Xunta adiantou que o ritmo de execución permite manter os prazos previstos, polo que no vindeiro verán os veciños disporán de 9,4 km desta estrada LU-231, entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo, con carrís máis amplos, con beiravías, con menos curvas e tamén mellor sinalizada, grazas a un investimento de 2,8 M€.

Precisou que os traballos, iniciados en agosto, avanzan actualmente nunha das marxes da estrada co movemento de terras, o que permite que a día de hoxe haxa 4,5 km de gabia abertos, o 50% desta beira. Tamén se traballa na limpeza ou substitución da drenaxe, segundo o caso, e están acopiadas as tubaxes e os marcos prefabricados para ir colocándoos nos vindeiros meses.

A conselleira puxo estas actuacións na LU-231 como exemplo da aposta da Xunta por impulsar infraestruturas vertebradoras e transformadoras no interior da Comunidade, “contribuíndo a un rural vivo” con fondos propios da Xunta. A ese respecto, sinalou os condicionantes impostos polo Goberno de España para a execución dos fondos de reconstrución Next Generation en materia de mobilidade, que impiden actuacións no rural, ao exixir que os investimentos se desenvolvan en concellos de máis de 50.000 habitantes.

Ethel Vázquez subliñou que a Xunta destina 2,8 M€ de fondos da Comunidade a esta 1ª fase de mellora desta estrada, e que os Orzamentos autonómicos do vindeiro ano inclúen unha partida de 3 M€ para rematar as obras e para continuar o traballo coa 2ª fase.

A conselleira contrapuxo os case 38 M€ que reservan as Contas da Xunta para investir en 2022 nas estradas de Lugo, co que fai o Goberno de España nas autovías da súa competencia, como é a A-54, entre Santiago e Lugo, que non se verá aínda acabada ata 2024. Así, destacou a firme determinación da Xunta de contribuír ao progreso de Lugo a través da mellora das comunicacións viarias como este eixe Palas-Friol-Begonte, a autovía Nadela-Sarria ou a mellora da estrada LU-651 en Folgoso do Courel.

Imaxes relacionadas