A Xunta destaca en Vigo a importancia da industria do envellecemento activo como sector de actividade con gran potencial de crecemento

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou hoxe na inauguración da xornada ‘Silver Economy, a oportunidade do futuro’, onde puxo en valor o apoio do Goberno galego a esta industria a través da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3)

Subliña que a saúde, así como o envellecemento activo e a vida saudable, configúranse como actividades nas que Galicia pode destacar a nivel europeo

Vigo, 15 de novembro de 2021

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participou hoxe en Vigo, no marco do programa Capacita Directivos, na inauguración da xornada Silver Economy, a oportunidade do futuro, onde destacou a importancia da industria do envellecemento activo como sector de actividade con gran potencial de crecemento en Galicia.

Neste sentido, Guldrís apuntou que a propia configuración da sociedade galega outorga ás empresas locais múltiples posibilidades para transformar as súas liñas de negocio “mellorando produtos e tecnoloxías antes de exportalos a outros mercados”. Unha aposta que, tal e como salientou, se enmarca no traballo que o Goberno galego vén impulsando a través da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3).

Así, o director do Igape –cuxa intervención enmarcouse no ciclo de encontros Empresa intelixente. Competitividade e crecemento empresarial de Galicia que promove a Xunta en colaboración coa APD e o Círculo de Empresarios de Galicia–, subliñou que esta estratexia comprendeu no seu período inicial (2014-2020) tres retos fundamentais: un novo modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseado na innovación; un novo modelo industrial sustentado na competitividade e coñecemento; e un novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo.

“Galicia amosa unha tendencia ao envellecemento da poboación maior que outras rexións españolas e europeas. Isto fai do envellecemento activo un nicho de actividade con gran potencial de crecemento, relacionándose coas actividades económicas dedicadas á calidade de vida e ao benestar das persoas”, afondou Guldrís.

Neste marco, o director do Igape avanzou que a nova RIS3 (2021-2027) permitirá abordar estes retos a partir da I+D+i e o coñecemento xa existente en Galicia, polo que xogará un papel decisivo, tanto para o acceso aos fondos estruturais europeos como para atender aos grandes obxectivos da Unión Europea para este período: unha nova política industrial marcada pola sustentabilidade, o Pacto Verde Europeo e a transformación dixital.
“A saúde en xeral, e especificamente o envellecemento activo e a vida saudable, móstranse como unha das máis interesantes actividades en todas as súas vertentes,
a través de servizos e-Health ou nutrición, onde Galicia ten potencial de diferenciación a nivel europeo”, destacou.

Imaxes relacionadas