A Xunta recibe 8 ofertas para executar as obras de reforma da UCI do Hospital de Ourense

A Unidade de coidados intensivos triplicará o seu espazo actual, nunha actuación que conta cunha licitación de 9.441.868 euros

As obras desenvolveranse no mesmo núcleo do hospital, onde se sitúan as dúas unidades de críticos: UCI e Reanimación

Este proxecto engádese á ampliación, xa licitada o pasado xuño, da obra de construción dun novo edificio de hospitalización e de reforma do hospital materno-infantil por un importe de 52,6 millóns de euros

Santiago de Compostela, 15 de noviembre de 2021

A Xunta de Galicia vén de recibir un total de 8 ofertas para executar as obras da reforma da Unidade de coidados intensivos (UCI) do Hospital universitario de Ourense. A actuación conta cunha licitación de 9.441.868 euros, e o seu prazo de execución establécese en 21 meses.

O Hospital universitario de Ourense renovará e triplicará o espazo actual da súa Unidade de coidados intensivos, ampliando as súas marxes dentro da cuarta planta do Edificio Cristal. Así, levarase a cabo unha adaptación de espazos para a implantación de tres módulos da UCI, cos seus correspondentes espazos asistenciais e administrativos de apoio. Con esta obra, adecúanse os requirimentos estruturais da UCI referidos á dimensión dos postos, á configuración dos espazos e á climatización e conservación, de xeito que permita á atención aos pacientes críticos con necesidades de ingreso, cumprindo tanto a normativa vixente como a específica relativa ao control da pandemia da covid-19.

As obras desenvolveranse no mesmo núcleo do hospital, onde se sitúan as dúas unidades de críticos: UCI e Reanimación. Estes dous servizos son os que precisamente se coordinaron e compartiron espazos para facer fronte á demanda asistencial durante a pandemia. Para isto, foi preciso unha complexa reordenación dos espazos, tanto das unidades de críticos como do bloque cirúrxico, que deberon intercambiar áreas e trasladar parte da súa actividade.

Á complexidade de execución da obra por mor do seu emprazamento, engádese a da súa funcionalidade, para doentes críticos en xeral, incluindo pacientes contaxiosos, sendo ademais das máis esixentes tecnicamente, xa que deberá incluir unha especial climatización, illada da do resto dos hospital, e actuar nas fachadas, intervindo en dous edificacións neste intre separadas.

Investimento na sanidade pública de Ourense

Este proxecto forma parte dun ambicioso proxecto de futuro para a sanidade pública ourensá anunciado o pasado 2 de xullo polo presidente da Xunta de Galicia, que contempla investimentos por valor de 120 millóns de euros, tanto no eido hospitalario como no de primaria e que xa tivo o seu primeiro cumprimento coa licitación nesa mesma xornada dunha obra de 52,6 millóns no CHUO consistente nun novo edificio de hospitalización e da reforma do hospital materno-infantil e, posteriormente, coa licitación a finais de xullo do proxecto arquitectónico que permitirá converter o Centro de Saúde Novoa Santos no primeiro Centro Integral de Saúde da provincia grazas a un investimento que se achegará aos 9 millóns de euros e que permitirá a súa reforma integral.