Doce emprendedoras do programa Emega compartiron experiencias realizando o camiño entre Olveiroa e Fisterra

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, recibiu ás empresarias, todas elas beneficiarias do programa Emega da Xunta de emprendemento feminino, ao remate da ruta que iniciaron onte co obxecto de compartir vivencias

A Consellería de Emprego e Igualdade convidounas a dúas xornadas de convivencia no Camiño de Santiago no marco do programa EncamiñarRSE

López Abella puxo en valor que experiencias como a que hoxe remata, dan ánimos para seguir crendo e loitando polo emprendemento
 

Fisterra (A Coruña), 14 de outubro de 2021.- A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, puxo hoxe en valor a capacidade de resistencia e de adaptación das mulleres emprendedoras galegas ante vicisitudes que se atopan no seu camiño na recepción, en Fisterra, ás 12 mulleres beneficiarias do programa Emega que completaron o percorrido da ruta xacobea entre Olveiroa e Fisterra como participantes na iniciativa encamiñaRSE promovida pola Consellería de Emprego e Igualdade.
López Abella incidiu na importancia de traballar en rede e compartir con outras compañeiras a experiencia do emprendemento, máis inda co simbolismo do Camiño de Santiago como telón de fondo. Tal e como destacou, o emprendemento é unha experiencia que, ao igual que a peregrinaxe, pode resultar complicada en determinados momentos, pero que resulta moi gratificante cando se acada a meta.
Precisamente para acompañar ás mulleres emprendedoras, beneficiarias do programa Emega da Xunta, a Consellería de Emprego e Igualdade, en colaboración coa entidade Lingoreta, promoveu esta fin de semana a iniciativa EncamiñaRSE, un programa no que se conxuga a ruta xacobea coa mellora dos negocios de doce mulleres empresarias.
As mulleres participaron desde onte nunha escapada de convivencia na que completaron en dúas etapas o percorrido do Camiño de Santiago entre Olveiroa e Fisterra. Foron en total 34,9 quilómetros de distancia, durante os que tiveron ocasión de acompañarse, e de compartir ideas de cocreación e aprendizaxes adquiridos.
Coa iniciativa, O Goberno galego cumpre co seu compromiso a favor do emprendemento feminino na comunidade, acompañando ás mulleres no seu fortalecemento persoal e profesional e contribuíndo a mellorar a súa capacitación como xestoras dos seus respectivos negocios. Experiencias como a que hoxe remata, especificou López Abella, dan ánimos para seguir crendo e loitando polo emprendemento, a pesares das dificultades.
A estrutura da experiencia levou como fío condutor o tramo do Camiño da Costa da Morte, que une Olveiroa cara a Fisterra. Este percorrido foi elixido polo seu carácter simbólico, lembrou a secretaria xeral da Igualdade, xa que Fisterra tense considerado o fin e o inicio de toda transformación, de aí que fose elixido o mellor punto de finalización desta experiencia.