A Xunta consolida a súa colaboración para apoiar o alumnado con discapacidade visual

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade destina 245.000€ á esta acción

O conselleiro Román Rodríguez e o delegado territorial da Organización Nacional de Cegos en Galicia, Manuel Martínez Pan, asinaron o convenio de colaboración
 

Santiago de Compostela, 14 de novembro 2021

A Xunta de Galicia renova, un ano máis, a colaboración coa Organización Nacional de Cegos Españois (ONCE) para prestar atención especializada a alumnado con discapacidade visual en centros educativos de toda Galicia.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o delegado territorial da ONCE en Galicia, Manuel Martínez Pan, asinaron unha addenda ao convenio que leva vixente desde o ano 2013 e que fai posible que seis profesores do corpo de mestres desenvolvan as súas tarefas profesionais nos equipos específicos da ONCE, prestándolle apoio ao alumnado cego ou con discapacidade visual, tanto en Educación Primaria e 1º e 2º da ESO, como en centros e unidades de Educación Especial.

O Goberno galego destina a este convenio un total de 245.000€ para o presente curso 2021/22, o que permite a dotación tanto de persoal como de recursos especializados neste ámbito.

A organización ONCE, pola súa banda, pon á disposición da comunidade educativa un equipo dunha trintena de especialistas (entre mestres, traballadores sociais, psicólogos e profesionais vencellados ao deporte e á música entre outros) para atender ao alumnado que o precise, así como os seus servizos especializados como os de escolarización combinada, de formación, de investigación ou de adaptación de recursos didácticos e tecnolóxicos.

Recursos tecnolóxicos

Así pois, ao abeiro deste acordo facilítase o apoio e o acceso do alumnado con discapacidade visual escolarizado en centros ordinarios aos recursos tecnolóxicos e á transcrición e gravación a braille dos libros de textos e dos materiais curriculares. Deste xeito favorécese a súa inclusión educativa, á par que unha atención especializada e axeitada ás súas necesidades.

En concreto, o convenio permite establecer un marco de colaboración para a atención educativa do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave, así como das súas familias e dos centros educativos aos que asistan; promover a coordinación dos servizos educativos e dos complementarios, organizando e facendo rendibles os recursos das diferentes institucións; e facilitar a conformación de equipos específicos para a atención educativa a este alumnado.
 

Imaxes relacionadas