O subdirector de Mobilidade de Terras mantivo un encontro coa alcaldesa e con agricultores interesados en participar na iniciativa promovida nesta localidade ourensá

A Xunta informa aos produtores das vantaxes de sumarse ao polígono agroforestal proxectado en Oímbra para cultivar produtos agrícolas e de horta

Tal e como está concibido, o polígono abranguería 22 hectáreas, repartidas en 72 parcelas de 73 propietarios

Os produtos contemplados inclúen os da indicación xeográfica protexida Pemento de Oímbra

Oímbra (Ourense), 14 de novembro de 2021

A Xunta anima aos agricultores a sumarse ao polígono agroforestal proxectado no municipio ourensán de Oímbra, ao abeiro da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Así, o subdirector de Mobilidade de Terras, Alejandro Sánchez de Dios, acompañado pola alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, vén de manter un encontro con posibles interesados en cultivar produtos agrícolas e de horta no marco deste instrumento de posta en valor, incluíndo os da indicación xeográfica protexida Pemento de Oímbra. Cabe lembrar que o polígono agrario promovido nesta localidade ourensá constaría de 22 hectáreas, repartidas en 72 parcelas de 73 propietarios.

Na xuntanza, o subdirector lembrou que os polígonos agroforestais constitúen unha das principais ferramentas contempladas na nova norma e explicou que esta figura voluntaria ten por obxecto a volta á produción de grandes áreas de terra con boa capacidade produtiva que alcanzaron, co paso do tempo, estados de abandono ou infrautilización.
Así, o representante de Medio Rural trasladou tamén que, xunto coas aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta, os polígonos son un instrumento concibido para crear nova actividade económica no rural, contribuíndo á xeración de riqueza e á fixación de poboación, ao tempo que se avanza na anticipación aos incendios forestais, ao exercer esta actividade de devasa natural fronte ao lume.

Imaxes relacionadas