A Xunta colabora co Concello da Cañiza en melloras no polideportivo e na adquisición de colectores para a recollida selectiva de residuos

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe este concello pontevedrés co que a Xunta asinará un convenio de colaboración por importe de máis de 70.000 euros

O Goberno galego continúa así colaborando coas entidades locais galega financiando actuacións para a posta en marcha ou a mellora de instalacións e equipamentos relacionados coa prestación de servizos municipais

A Cañiza (Pontevedra), 13 de novembro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe o concello de A Cañiza, onde avanzou que o Goberno galego colaborará co concello en melloras no polideportivo de Carballo do Marco e na adquisición de colectores para a recollida selectiva de residuos.
Natalia Prieto indicou que coa sinatura deste convenio, a Xunta achega a este concello pontevedrés máis de 70.000 euros destinados á reparación da cuberta do polideportivo, á reposición de lucernarios e baixantes, ademais da adquisición de equipamentos para a recollida selectiva de residuos.
A directora xeral foi invitada polo presidente do Clube Balonmán Cañiza, Rubén Fernández Reinaldo, para coñecer de primeira man a situación do pavillón e asistiu ao encontro do equipo sénior feminino, recentemente ascendido a División de Honra Prata Feminina, no propio Pavillón Municipal da Cañiza.
Na actualidade, no pavillón polideportivo xóganse partidos de balonmán de primeira división nacional e na división de prata feminina, polo que, segundo indicaron desde o concello, para acoller estas competicións é imprescindible que o pavillón se atope nunhas boas condicións, e na actualidade na zoa de xogo hai pingueiras e a cuberta está moi deteriorada, polo que faise necesaria esta actuación para que non teña que pechar esta instalación deportiva.
Natalia Prieto destacou a importancia da colaboración da Xunta cos concellos para levar a cabo actuacións que, en moitas ocasións, os municipios non poderían executar en solitario. Por iso, a Xunta aposta pola colaboración entre administracións e tamén a cooperación entre as propias entidades locais para compartir servizos co fin de acadar concellos máis sustentables e con capacidade de ofrecer de servizos de calidade aos seus veciños.

Imaxes relacionadas