A Xunta apoia en Ourense con 50.000€ os proxectos de 15 Anpas para promover a igualdade de oportunidades e previr a violencia de xénero entre o alumnado

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na Gala da Igualdade organizada pola Anpa do Conservatorio de Verín, unha actividade que forma parte do programa Soamos igual. É positivo! financiado polo Goberno galego

As axudas que concede a Consellería de Emprego e Igualdade forman parte das actuacións que se desenvolven a través do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
 

Verín (Ourense), 13 de novembro de 2021

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Verín na Gala da Igualdade, organizada pola Anpa do Conservatorio de Verín, no marco do proxecto Soamos igual. É positivo!, para promover a igualdade e previr contra a violencia de xénero a través da música.

Esta iniciativa contou co financiamento da Consellería de Emprego e Igualdade a través das axudas destinadas a apoiar actividades de promoción da igualdade e de prevención e loita contra a violencia de xénero postas en marcha polas asociacións de nais e pais galegas (Anpas). En concreto, a Anpa do conservatorio recibiu un apoio de 3.000 euros (a contía máxima para proxectos de carácter individual) para desenvolver un amplo programa de actividades que inclúe obradoiros e concertos pola igualdade, entre outros.

Estas axudas, financiadas no desenvolvemento do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, permitiron apoiar en toda a provincia de Ourense a 15 Anpas na realización das súas actuacións a favor da igualdade. En concreto, a Xunta destinou a este fin preto de 49.500 euros e en toda Galicia o importe ascendeu a 400.000 euros.

O Goberno galego quere contribuír á formación, sensibilización e información das familias e asociacións de nais e pais na perspectiva de xénero, concienciando ás fillas e fillos, ao alumnado e a comunidade educativa sobre os estereotipos de xénero existentes e visibilizar as mulleres e as nenas promovendo unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan a violencia de xénero.

A Xunta considera fundamental a implicación das Anpas galegas para poder chegar ás familias e ao alumnado galego e dotalos das ferramentas necesarias para promover unhas relacións respectuosas e en igualdade que preveñan e axuden a erradicar todas as formas de violencia de xénero.