A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e a secretaria xeral da Igualdade participan nas organizadas polos GDR Ribeira Sacra-Courel e Miño-Ulla

A Xunta pon en valor as 24 andainas contra a violencia de xénero que percorren hoxe Galicia baixo a organización dos Grupos de Desenvolvemento Rural

O proxecto “O rural contra a violencia de xénero” contempla máis de medio cento de actividades deica o 25 de novembro nos ámbitos de actuación dos 24 GDR galegos, sendo a principal esta marcha simultánea contra o machismo

Coordinado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, nel tamén participa a Axencia de Turismo de Galicia no marco do acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participan hoxe en senllas andainas das 24 que percorren a nosa comunidade de xeito simultáneo no marco do proxecto “O rural contra a violencia de xénero”. Un proxecto que inclúe un amplo programa de actividades organizadas polos 24 grupos de desenvolvemento rural (GDR) de toda Galicia e que se celebrarán deica o 25 de novembro, data na que se conmemora o Día mundial da eliminación da violencia contra a muller.
En concreto, Inés Santé participa na marcha organizada polo GDR Ribeira Sacra-Courel, que culmina diante da Casa do Concello de Triacastela. Pola súa parte, a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, acude á organizada polo GDR Miño-Ulla, que conclúe en Palas de Rei. Cabe lembrar que estas andainas buscan implicar a miles de persoas do rural para que camiñen desde 24 puntos distintos do noso territorio cos obxectivos de reclamar o fin da violencia machista e de defender a igualdade. A través deste acto reivindicativo e simbólico, a Xunta tamén quere poñer en valor os diferentes roteiros de peregrinación do Camiño de Santiago, co gallo do Xacobeo 21-22.
A Axencia de Desenvolvemento Rural, responsable de coordinar todos os grupos de desenvolvemento rural da comunidade, é a artífice desta iniciativa, que conta coa colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade e da Axencia de Turismo de Galicia e que se inscribe no acordo da Xunta para implementar as medidas propostas polo Pacto de Estado en materia de violencia de xénero. Foron os propios 24 GDR os que deseñaron e organizaron un completo programa de actividades socioculturais nos municipios que engloban e cuxo acto central é a andaina popular que ten lugar hoxe.
Entre as accións programadas polos GDR deica o 25 de novembro, encóntranse exposicións, concursos de debuxo e fotografía, concertos, proxección de documentais con testemuños de vítimas de violencia machista, actividades e charlas en colexios, teatro ou puntos de atención itinerantes para vítimas de violencia machista.

Amplo programa polo 25-N

A Xunta programou este ano un amplo abano de actuacións para conmemorar o 25-N e chamar á sociedade a se implicar na loita contra a violencia de xénero. Entre outras medidas, estanse a celebrar xornadas de sensibilización nos campus universitarios contra a violencia sexual. Deseñouse, ademais, un Plan de formación para os 189 concellos incluídos na Rede galega contra a violencia de xénero e para os centros de información á muller (CIM).
Doutra banda, permanece aberto ata o 15 de novembro o concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais dirixido aos centros de educación non universitarios de Galicia.
Outras actividades que se desenvolverán para conmemorar o Día internacional contra a violencia de xénero son o Congreso da Asociación de Mulleres no Sector Público (18 e 19 de novembro en Santiago); o Congreso Medios de Comunicación e Igualdade (26 de novembro en Santiago de Compostela) e a andaina contra a violencia de xénero que baixo o lema “Camiño ao respecto” está aberta á participación da cidadanía e se celebrará o 21 de novembro desde o Monte do Gozo ata a Praza do Obradoiro.

Imaxes relacionadas