Política Social subliña a necesidade de reflexionar e dar visibilidade á prevencion na Xornada Anual sobre o dano cerebral adquirido

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou esta mañá no acto celebrado en Santiago de Compostela

Durante o evento fíxose entrega do noveno Premio FEGADACE – Miguel Blanco á Sociedade Galega de Rehabilitación e Medicina Física
 

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, participou hoxe na Xornada Anual sobre o Dano Cerebral Adquirido (DCA), onde ademais se fixo entrega do noveno Premio FEGADACE – Miguel Blanco. Alí, o representante autonómico puxo en valor os actos que brindan a oportunidade de visibilizar e concienciar sobre a prevención das principais causas do DCA pero, sobre todo, de reflexionar sobre esta cuestión.

No encontro déronse cita especialistas dos ámbitos do dereito e a discapacidade para analizar, entre outros temas, os efectos do dano cerebral nunha charla titulada O impacto nas persoas e familias con dano cerebral adquirido da reforma lexislativa que modifica a capacidade xurídica e de obrar das persoas con discapacidade.

Ademais, durante esta xornada se fixo entrega do noveno Premio FEGADACE - Miguel Blanco, que este ano recaeu na Sociedade Galega de Rehabilitación e Medicina Física (SOGARMEF), unha entidade científica de carácter profesional implantada en Galicia que contribúe a mellorar a información e a formación dos profesionais implicados na atención ao dano cerebral.

Imaxes relacionadas