O Sergas traballa coas unidades de críticos para promover os equipos saudables

No marco do Plan de apoio emocional ao persoal na pandemia de Covid-19 comezaron en Lugo as reunións de equipo con todos os colectivos que traballan nas súas unidades de críticos

Os obradoiros desenvolveranse en todas as áreas de críticos -UCI e Reanimación- para promover o traballo en equipo

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

O Servizo Galego de Saúde vén de poñer en marcha no Hospital Lucus Augusti de Lugo un novidoso programa de equipos saudables dirixido aos profesionais das unidades de críticos -UCI e Reanimación-, no marco do plan de apoio emocional ao persoal pola pandemia de COVID-19.

Mediante o traballo en equipo con todos os profesionais implicados nestas unidades (persoal médico, persoal de enfermería, celadores e persoal da limpeza e administrativo), o Sergas ten como obxectivo mellorar os procesos de traballo por medio de diálogos grupais con todos os colectivos implicados, afondando no aprendido durante a pandemia, compartindo puntos de vista e experiencias.

A súa implementación contribuirá a potenciar a escoita activa, mellorará a comunicación interna e favorecerá á cohesión dos grupos de traballo, impulsando o coidado mutuo entre compañeiros, ademais do seu benestar emocional.

O programa, creado e dirixido desde o departamento de Recursos Humanos da Consellería de Sanidade é o primeiro que se realiza con estas características desde a perspectiva da prevención de riscos laborais.

Esta iniciativa contribuirá tamén á mellora dos circuítos e o traballo nas unidades de críticos, cuxo labor resultou clave na xestión da pandemia. O programa iniciase en Lugo para, de seguido, continuar na área de Ferrol e, posteriormente, estenderse ás restantes áreas sanitarias galegas. A iniciativa contará entre os seus docentes coa xefa do servizo central de prevención de Riscos Laborais, Nuria de Castro Acuña, ou o coaching con alta experiencia en grupos de traballo, Daniel Lamas.