A Xunta publica en galego a novela ‘Rúas de ida. Descubrindo a paixón polo viño’

O secretario xeral de Política Lingüística participou este serán na presentación do libro de Antonio Pardines e Manyo Moreira no que realidade e ficción se mesturan a través dunha ruta cultural e vinícola por Galicia

Teo (A Coruña), 12 de novembro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe na presentación de Rúas de ida. Descubrindo a paixón polo viño, a novela de Antonio Pardines e Manyo Moreira que a Xunta de Galicia publica por primeira vez en galego. “Unha obra coma esta, na que tan importantes son as raíces, na que tanto peso ten a cultura galega, tiña que estar publicada na lingua propia de Galicia”, indicou o representante de Cultura, Educación e Universidade.
Rúas de ida narra a historia de Miguel, un mozo que herdou un predio cun viñedo no concello de Vedra que o trae de volta a Galicia moitos anos despois. A idea inicial de vender a propiedade queda desbotada cando o protagonista, en compañía de novos amigos, descobre unha paixón polo mundo vinícola que o leva a emprender unha viaxe polas terras galegas, desde a Ribeira Sacra ata as Rías Baixas, afondando no folclore, nas tradicións e nos costumes do país que o fai conectar coa súa galeguidade.
Unha novela que xorde da curiosa alianza dos seus autores, Antonio Pardines, profesor e escritor, e Manyo Moreira, viticultor, e que tardou anos en xestarse, como o bo viño. Anos de escritura e investigación que tomaron forma no libro presentado en 2020 en castelán e que un ano despois a Xunta de Galicia publica en galego.

Os autores

Antonio Pardines (Santiago de Compostela, 1974) é licenciado en Educación Primaria pola USC e desde entón compaxina a docencia privada coa escritura. En 2011 publicou Sakura (la flor del cerezo), unha novela épica ambientada no Xapón feudal do século XII. Nese mesmo ano comezou a redacción do blog Vadevagos-Cine, unha páxina dedicada a películas e cineastas da que é redactor e responsable desde hai máis dunha década.

O segundo artífice do libro é Manyo Moreira (Bos Aires, 1976). Licenciado en Enxeñaría técnica agrícola, estudou dous anos máis vitivinicultura, o que o levou a traballar por todo o país ata que, no 2007, comezou o seu propio proxecto, Mar de Envero, unha adega especializada en viños galegos de calidade situada en Rarís que desde entón segue engrosando o seu catálogo de produtos.