'O Camiño do fútbol' estenderá os valores do deporte galego grazas aos mellores poñentes do ámbito internacional

O congreso terá lugar no Pazo de Congresos e Exposicións de Galica entre hoxe e mañá e está organizado pola RFGF e a RFEF coa principal colaboración da Xunta de Galicia

Paco Jémez, José Luis Mendilibar, Manuel Pellegrini, Aitor Karanka, Iglesias Villanueva ou Kris Van der Haegen serán algúns dos relatores

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa e o xerente de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia, participaron no mediodía de hoxe na inauguración do congreso 'O Camiño do fútbol' que terá lugar no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia entre hoxe e mañá e que está organizado pola Real Federación Galega de Fútbol e a Real Federación Española de Fútbol coa colaboración da Xunta de Galicia -a Secretaría Xeral para o Deporte e a Axencia Turismo de Galicia-, como principal patrocinador.
O mandatario galego sinalou a importancia dos valores no deporte, así como no fútbol, e lembrou a figura de Irene González, a primeira muller que xogou ao fútbol de xeito oficial en Galicia, e probablemente en España, e "á que lle debemos moito do acadado polo fútbol feminino galego e nacional ata o día de hoxe". Neste sentido, Lete Lasa falou da igualdade como un dos principais valores do fútbol galego que, en 2019, "foi un dos primeiros en sumarse á campaña NON da Xunta de Galicia contra violencia de xénero e que hoxe o continua facer co segundo plan de patrocinio aos equipos femininos galegos de alta competición que chega xa ata os 250.000 euros".
Neste sentido, Lete Lasa celebrou que Vicente Del Bosque, emabaixador vitalicio do Camiño, fora o presentador deste congreso hai unha semana xa que se trata dunha persoa "colmada de valores como os que nós defendemos e con gran capacidade para transmitilos ao deporte". Do mesmo xeito, o secretario xeral gabou a nómina de persoeiros do mundo do fútbol que debaterán esta fin de semana en Santiago como "protectores dese fútbol cheo de valores, dese fútbol entendido como un camiño cara a igualdade".
Pola súa parte, o xerente de Turismo de Galicia, Emilio de la Iglesia destacou "a relevancia de apostar polo turismo deportivo pola súa capacidade de desestacionalización e de atracción de novos viaxeiros, que en moitas ocasións descubren o destino Galicia tras participar nun evento deportivo".

Programa

No día de hoxe e tras a mesa inaugural terá lugar a mesa redonda de adestradores na que participan Paco Jémez, Paco López e José Luis Mendilibar, todos eles adestradores UEFA Pro. A axudante técnico da selección absoluta feminina e seleccionadora Sub-15, Montse Tomé; o adxunto da dirección deportiva fútbol base do FC Barcelona, Albert Capellas e o corpo técnico do Betis -Manuel Pellegrini (adestrador), Fernando Fernández (técnico auxiliar), Félix Cao (preparador físico) e José Cabello (departamento condicional)- completarán a xornada de hoxe venres.
O sábado abrirán a quenda de intervencións o adestrador de porteiros do Vilarreal, Javi García, e o experto en alto rendemento e ex-adestrador do FC Barcelona de balonmán, Xesco Espar. Continuarán os xuíces Alejandro Muñiz e Iglesias Villanueva coa mesa de árbitros. O observador técnico de UEFA, Aitor Karanka e o adestrador UEFA Pro, Domenec Torrent porán a guinda ás charlas de mañá. Xa pola tarde, continuarán o analista táctico de rivais do Atlético de Madrid, Francis Sánchez, o secretario técnico do Osasuna, José Antonio Prieto 'Cata' e pecharán o congreso, o director da escola belga de adestradores, Kris Van der Haegen e o adestrador UEFA Pro, Diego Martínez.

Imaxes relacionadas