A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantiveron hoxe un encontro co presidente de ‘En Colectivo’, Diego Maraña, e outros representantes da asociación

A Xunta destaca o deber do Goberno de España de revisar os seus acordos con Audasa ante os ditames que alertan dos excesivos beneficios da concesionaria e cuestionan os incrementos das peaxes

O Goberno galego agarda que o Ministerio de Transportes tome medidas tras remitirlle o informe da Comisión Galega da Competencia que considera “excesivas” as compensacións á concesionaria polas obras de ampliación da AP-9 e sinala como posibles “axudas de Estado”

O Consello Consultivo de Galicia ditaminou en 2020 que as subas extraordinarias das peaxes acumulativas que foron autorizadas polo Goberno de España para sufragar a ampliación da autoestrada son “nulas de pleno dereito”

O Consello de Estado acreditou en 2017 que as compensacións a Audasa establecidas polo Goberno pola liberación das peaxes de Rande e A Barcala viña producindo un “enriquecemento inxusto” da concesionaria

A Xunta lembra que o Goberno de España debe clarificar ante a UE as condicións xurídicas en que foron concedidas as prórrogas da concesión

Traslada a súa preocupación polo impacto en Galicia da implantación do sistema de pago por quilómetro percorrido na autovías que planea o Goberno central

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia sinalou hoxe como un deber do Goberno de España revisar os seus acordos con Audasa, á vista dos diferentes ditames e pronunciamentos que cuestionan os incrementos das peaxes e alertan dos excesivos beneficios da concesionaria.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo hoxe un encontro co presidente de ‘En Colectivo’, Diego Maraña, e outros representantes da asociación.

Na xuntanza, a conselleira trasladou que a Xunta agarda que o Executivo central tome medidas logo de trasladarlle o informe emitido recentemente pola Comisión Galega da Competencia sobre as compensacións acordadas con Audasa polo financiamento das obras de ampliación da capacidade da autoestrada nos accesos a Santiago e a Vigo.

Ese informe conclúe que as compensacións establecidas polo Goberno presidido por José Luis Rodríguez Zapatero ano 2011, e ratificadas logo polo actual Executivo no ano 2018, son “excesivas” e mesmo poden constituír “axudas de Estado” á concesionaria.

O Goberno galego remitiu tamén ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana o ditame emitido en 2020 polo Consello Consultivo de Galicia ao respecto das compensacións acordadas polas obras de ampliación da AP-9.

A ese respecto, o organismo considera que as subas de peaxe acumulativas autorizadas á concesionaria para sufragar as obras na infraestrutura son “nulas de pleno dereito”.

A conselleira lembrou que as actuacións de ampliación da capacidade da AP-9 supuxeron un investimento de Audasa de aproximadamente 230 M€ pero as compensacións autorizadas á concesionaria por estas obras teñen un importe que superan os 1.400 M€.

O Goberno galego informou, tamén, de que o Consello de Estado ditaminou no ano 2017 que o acordo acadado entre o Goberno de España, tamén baixo a presidencia de José Luis Rodríguez Zapatero, a Xunta de Galicia, na etapa do Bipartito, e Audasa, para a liberación da peaxe de Rande e A Barcala, supuxera un “enriquecemento inxusto” para a concesionaria.

En relación co procedemento aberto pola Unión Europea, a Xunta apuntou que o Goberno de España debe clarificar a súa postura sobre as condicións xurídicas nas que se produciron as prórrogas da concesión da AP-9.

A Xunta reiterou que os diferentes pronunciamentos das institucións sitúan ao Executivo central ante o deber de adoptar medidas para revisar os beneficios da concesionaria e defender os intereses dos usuarios da autoestrada.

Ethel Vázquez apuntou, ademais, que as bonificacións das peaxes implantadas están integramente sufragadas polos Orzamentos Xerais do Estado, polo que todo o esforzo das bonificacións se fai con cargo a cartos públicos e sen implicar, en ningún caso, á concesionaria.

Finalmente, a Xunta trasladou a súa preocupación polo impacto que terá en Galicia o sistema de pago por quilómetro percorrido que o Goberno de España prevé implantar nas autovías.

Imaxes relacionadas