A Xunta organiza 30 seminarios e talleres sobre novas tecnoloxías como a industria 4.0 e as smart cities

A Dirección Xeral de Administración Local é unha das entidades incluídas no proxecto Novatfe que acolle estas actividades e foi beneficiario na segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (POCTEP)

As actividades comezan o luns cun seminario online sobre a financiación de estratexias de innovación nos fondos Next Generation

Ao longo dos próximos dous meses impartiranse actividades formativas nas áreas de actuación do proxecto como a Mancomunidade de O Salnés, os concellos das provincias de Ourense e Pontevedra e o municipio portugués de Valença de Minho

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

– A Xunta, a través da Dirección Xeral de Administración Local, comezará o luns os 30 seminarios e talleres que se levarán a cabo nos próximos dous meses sobre novas tecnoloxías facilitadoras como a industria 4.0 e as smart cities.
As actividades forman parte do proxecto Novatfe financiado con fondos europeos no marco da segunda convocatoria do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza Galicia-Norte de Portugal (POCTEP). A Dirección Xeral de Administración Local é unha das entidades beneficiarias do programa que achegará aos concellos e administracións locais a formación necesaria para a posta en marcha de novos proxectos emprendedores, a implantacións das tecnoloxías facilitadoras nas pequenas e medianas empresas, así como boas prácticas para as entidades locais en todo o relativo ás smart cities e a administración electrónica.
Os seminarios e talleres realizaranse cun número reducido de asistentes co obxectivo de fomentar a participación activa e concentraranse nas zonas que forman parte das áreas de actuación do proxecto Novatfe como a Mancomunidade de O Salnés, concellos das provincias de Ourense e pontevedra e o municipio de Valença de Minho en Portugal.
Os contidos abordarán temáticas como o uso das tecnoloxías facilitadoras -realidade aumentada, impresión en 3D, automatización avanzada e robótica, internet, das cousas, ciberseguridade industrial, big data...- para obter procesos e produtos de alto valor engadido en liña coas tendencias internacionais da fábrica intelixente e a industria 4.0, así como o desenvolvemento de novos modelos de negocio para pemes e emprendedores.
No ámbito das administracións locais realizaranse seminarios de boas prácticas para a definición estratéxica dunha cidade intelixente e o reto que implican en concellos ou entidades locais menores de 50.000 habitantes ou as bases para establecer estratexias de innovación á súa financiación no contexto dos novos fondos Next Generation e outras axudas europeas.
Das actividades previstas para a próxima semana destaca o seminario online Fondos Next Generation: Axudas á innovación e plan de financiamento de eixos estratéxicos nas Smart Cities e Industria 4.0, impartido polo director do Máster Universitario en Xestión de Riscos Financeiros do ICADE Business School Luis Garvía.
O martes a Delegación Territorial da Xunta en Ourense acollerá o taller Smart Cities e Administración Local, a cargo de Iván Luis, membro do Colexio Profesional de Enxeñería Informática de Galicia. Esta mesma formación levarase a cabo ao día seguinte na Delegación Territorial da Xunta en Vigo.
Ademais, o xoves na sede da Mancomunidade de O Salnés o seminario centrarase nas Tecnoloxías de vangarda para o turismo, nunha ponencia de Manuel Meijide, de ILUX Technologies.
Os interesados en participar poden consultar tódalas actividades na web do proxecto https://novatfe.com e no portal de Eido Local (www.eidolocal.gal).

Imaxes relacionadas