A exposición 'Asinamos ser libres' promovida pola Xunta divulga a figura de Xela Arias en Boiro

O secretario xeral de Política Lingüística asistiu hoxe á inauguración da penúltima parada desta mostra itinerante, que permanecerá na vila ata o 28 de novembro

Tamén no concello do Barbanza, a Casa da Cultura acollerá desde hoxe a mostra Castelao e os irmáns da liberdade, que poderá visitarse durante un mes

Boiro (A Coruña), 12 de novembro de 2021

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, visitou esta mañá Boiro para inaugurar a penúltima parada de Asinamos ser libres, a exposición itinerante que a Xunta move por toda Galicia desde o pasado maio como parte da programación cultural para achegar a todos os públicos a figura da protagonista das Letras Galegas 2021, Xela Arias.
O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que participou xunto a outras autoridades e Xulio Gil, representante da familia e autor de parte das fotografías da mostra, dixo confiar “en que esta mostra sirva para espertar o interese por Xela Arias entre as persoas de Boiro que aínda non coñezan a súa traxectoria” e insistiu en que Arias foi “unha poeta rompedora que se esforzou por poñer a poesía galega na vangarda e, ao mesmo tempo, sacala da súa gaiola dourada e situala na rúa ao alcance de todas as persoas”.
Asinamos ser libres é a exposición promovida pola Xunta como parte da homenaxe a Xela Arias para difundir a figura, vida, obra e contexto histórico da escritora e editora sarriá. Tras comezar a súa andaina polos concellos da Rede de Dinamización Lingüística e bibliotecas da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia o pasado maio, a mostra fai a súa penúltima parada no Centro Social de Boiro, onde permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 28 de novembro, cando pase á Fundación Curros Enríquez - Casa dos Poetas, en Celanova (Ourense). Alí poñerá fin á súa xira o 17 de decembro.

Coordinada por María Xesús Nogueira, autora dos textos, e producida por Ouvirmos S.L., a mostra conta con fotografías de Xulio Gil, do Arquivo familiar Arias Castaño e do Arquivo Edicións Xerais de Galicia repartidas en 12 paneis que invitan a coñecer a infancia, a adolescencia rebelde, o traballo, a maternidade e o legado desta autora. A exposición tamén está dispoñible en liña a través do Portal da Lingua galega.

Coñecendo a Castelao

Tamén en Boiro, a Casa da Cultura Ramón Martínez López acolle desde hoxe a exposición Castelao e os irmáns da liberdade, unha mostra composta por 14 paneis que desenvolven cronoloxicamente a vida e a actuación política e artística do veciño máis célebre de Rianxo. O proxecto foi reeditado o pasado ano por Xan Leira, co apoio da Xunta polo centenario da revista Nós, a raíz do seu filme homólogo, e conta con fotografías de José Luis Abalo.

A estes paneis súmanselle por primeira vez outros dous dedicados á figura de Ramón Martínez López, político e filólogo boirense que lle da nome á casa cultural do concello. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, acompañou na mostra a Xan Leira, e a Maribel Martínez, filla de Ramón Martínez. Tamén estiveron presentes os alumnos de 4º da ESO do IES Plurilingüe A Cachada de Boiro, que asistiron a unha visita guiada pola exposición. Castelao e os irmáns da liberdade estará aberta ao público na Casa da Cultura sen necesidade de reserva previa durante un mes.

Imaxes relacionadas