A Xunta colabora co Concello de Verea na dotación dun parque infantil e de equipamentos deportivos

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, comprobou esta mañá as actuacións levadas a cabo ao abeiro da Orde de Infraestruturas de uso público, por un importe de 34.975 euros

O Goberno galego inviste neste exercicio 4M€ en 125 actuacións financiadas no marco desta liña de axudas destinada a apoiar a posta en marcha ou a mellora de instalacións e equipamentos relacionados coa prestación de servizos municipais

Verea (Ourense), 12 de novembro de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou esta mañá os novos equipamentos infantís e deportivos que se construíron en Carballo, principal núcleo de poboación do Concello de Verea, ao abeiro das axudas da Orde de Infraestruturas de uso público.
En concreto, e atendendo á solicitude do concello, en Verea construíuse un parque infantil, servizo do que carecían os cativos do municipio, así como un parque biosaudable pensado, sobre todo, para uso das persoas maiores nun concello de poboación envellecida e que precisa de infraestruturas acordes ás súas necesidades para manter a súa calidade de vida. Ademais, coa axuda dos 34.975 euros que a Xunta destinou a esta actuación, dotouse ao concello de equipamento deportivo, coa fin de crear entre a veciñanza hábitos de vida saudables, tal e como puido comprobar Natalia Prieto, que acudiu a Verea acompañada do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén.
A Xunta colaborou nesta actuación a través da convocatoria do ano pasado da Orde de Infraestruturas de uso público, que neste exercicio mantivo o orzamento de 2020 con 4 millóns de euros para financiar 125 proxectos relacionados coa posta en marcha ou renovación das instalacións ou equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais nos concellos de menos de 30.000 habitantes.
A través desta orde, o Goberno galego investiu desde 2009 máis de 36,6 millóns de euros en 1.372 iniciativas relacionadas, por exemplo, coa construción ou melloras nos edificios ou dependencias municipais, en parques infantís como o de Verea, na pavimentación de camiños públicos, na posta en marcha e acondicionamento de instalacións deportivas municipais ou na renovación do alumeado público.
Entre esta liña de axudas e o Fondo de Compensación Ambiental co que se financian melloras ambientais nos municipios galegos, a Xunta destinou nos últimos anos máis de 141 millóns de euros en 3.681 proxectos que contribuíron a mellorar a calidade de vida da veciñanza. Nesta liña, Natalia Prieto destacou a importancia da colaboración da Xunta cos concellos para levar a cabo actuacións que, en moitas ocasións, os municipios non poderían executar en solitario.
No caso do concello de Verea, o Goberno galego leva investidos preto de 900.000 euros na última década en diferentes actuacións na mellora das condicións de vida da súa veciñanza.

Imaxes relacionadas