A Xunta licita por 1,1 M€ a construción dunha senda peonil na PO-549 no lugar de Corón, en Vilanova de Arousa

O delegado territorial, Luis López, anunciou a apertura da fase de contratación desta actuación, que engloba 3,3 quilómetros de beirarrúas, nunha visita á travesía desta estrada autonómica xunto ao alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán

A obra, orientada a mellorar a seguridade viaria e a favorecer a mobilidade nesta zona, desenvolverase integramente durante o vindeiro ano 2022 e inclúe melloras complementarias, como aparcadoiros, abastecemento, alumeado e pasos de peóns

As empresas interesadas na execución dos traballos teñen ata o vindeiro 9 de decembro para presentar as súas ofertas

“Seguimos a traballar nas tramitacións administrativas para arrancar con forza os investimentos de 2022 canto antes e esta actuación figura entre as prioridades, xa que completará un itinerario peonil continuo de 10 quilómetros entre os municipios de Vilanova, Vilagarcía, A Illa e Cambados”, detallou o representante autonómico

Vilanova de Arousa, 12 de novembro de 2021

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, sacou a licitación na xornada de hoxe as obras de construción dunha senda peonil con 3,3 quilómetros de beirarrúas na estrada autonómica PO-549 ao seu paso polo lugar de Corón, no Concello de Vilanova de Arousa, cun investimento de 1,1 millóns de euros. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 9 de decembro.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou a apertura da fase de contratación desta actuación, que vai ser financiada a través dos fondos europeos de reconstrución React-EU, nunha visita á travesía desta estrada autonómica xunto ao alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán, e o tenente de alcalde, Javier Tourís.

A obra, que está orientada a mellorar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade peonil nesta zona, desenvolverase integramente durante o vindeiro ano 2022 e dará continuidade a outros itinerarios xa executados na PO-307 entre Deiro e a ponte da Illa de Arousa, a PO-549 entre Tarrío e Cores e a PO-306 entre Vilanova e A Illa.

“Dende a Xunta de Galicia seguimos a traballar nas tramitacións administrativas para arrancar con forza os investimentos 2022 canto antes e esta actuación en Vilanova figura entre as prioridades, xa que completará un itinerario peonil continuo de 10 quilómetros no Salnés entre este municipio e os de Vilagarcía, A Illa e Cambados”, detallou o representante autonómico.

Esta intervención busca regular e establecer o uso de diferentes espazos, reforzando a seguridade viaria e facilitando unha interacción harmónica e respectuosa entre peóns e vehículos, nun treito da PO-549 cunha urbanización irregular, onde hai tramos con beirarrúas e outros sen elas, e mesmo treitos nos cales as beiravías son empregadas de xeito frecuente como aparcadoiros.

Os traballos teñen un prazo de execución de 9 meses. O proxecto recolle, como principais actuacións, a construción dunha senda peonil á marxe da estrada, dotación de prazas de estacionamento, estreitamento dos carrís da estrada existente e extensión dunha capa de rodadura en toda a plataforma da vía na zona de actuación.

Para iso, construiranse ou renovaranse 3.270 metros de beirarrúas, que unirán e completarán treitos xa existentes, cunha sección tipo de 1,80 metros de ancho variable, que se reducirá a 1,20 metros alí onde non exista espazo suficiente.

Ademais, acometeranse outras actuacións complementarias centradas no reforzo da seguridade viaria, como a relocalización e mellora da protección de pasos de peóns para facelos máis visibles, ou a reordenación dos aparcadoiros en tres treitos atendendo unha demanda do Concello de Vilanova.

No proxecto inclúese tamén a reposición e prolongación da actual canalización de abastecemento ao longo dos treitos e a rebaixa dos bordos nos accesos ás vivendas e nas entradas aos predios. A renovación do alumeado público tamén está contemplada, pero se executará nun proxecto independente.

Imaxes relacionadas