O Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe a aprobación da información pública da mellora do trazado do tramo de 1,65 km desta vía autonómica

A Xunta aproba o proxecto de construción da 1ª fase de acondicionamento da estrada OU-402 en Ribadavia e na Arnoia, que suporá un investimento de 715.000 €

A actuación céntrase no tramo comprendido entre o cruce da vía provincial OU-0305, no acceso a Ribadavia, e a entrada á Arnoia

A licitación das obras prevese no primeiro semestre de 2022 e contan cun prazo de execución de seis meses

Ampliarase a estrada, mellorarase a senda entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia e reforzarase o firme

Tamén se reforzará a seguridade viaria da intersección no punto quilométrico 30+700, mellorando a visibilidade, dispoñendo un carril central de espera e habilitando un cambio de sentido

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aprobou o proxecto construtivo da 1ª fase das obras de acondicionamento da estrada OU-402 en Ribadavia e na Arnoia, que suporá un investimento de 715.000 euros.

Trátase de actuar na mellora do trazado e da seguridade viaria no tramo de 1,65 km desta vía autonómica, entre os puntos os puntos quilométricos 30+500 e 32+150.

O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta é licitar a execución destas obras no primeiro semestre de 2022. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.

O DOG tamén publica hoxe a resolución da aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/3C3YXFr

Onte mesmo o Consello da Xunta autorizou o decreto de declaración de utilidade pública para as expropiacións dos 18 predios precisos para impulsar esta actuación .

Estas obras céntranse no treito da estrada OU-402 entre a intersección coa vía provincial OU-0305, no acceso a Ribadavia, e a entrada á poboación da Arnoia. Os traballos inclúen a mellora do trazado da estrada e o reforzo do firme, a construción dun espazo peonil e dunha gabia transitable, así como as melloras da drenaxe transversal, da sinalización viaria e das barreiras de seguridade.

Está previsto ampliar, na medida do posible, a estrada ata os 7 metros, rectificar as curvas de radio reducido e mellorar a senda actual entre o acceso ao balneario e o núcleo da Arnoia.

Máis en concreto, a intervención recolle a construción dunha beiravía para o tránsito dos peóns, de 2 metros de ancho e un quilómetro de lonxitude, entre os puntos 30+550 e 31+550, pola súa marxe esquerda, e unha cuneta de seguridade transitable.

En canto ao trazado, e na medida do posible tendo en conta que é un tramo existente con entrada ao núcleo urbano da Arnoia, adaptarase á normativa vixente, mellorando así a visibilidade de circulación.

Tamén se reforzará a seguridade viaria da intersección no punto quilométrico 30+700 da estrada OU-402 que conecta esta coa vía provincial OU-0305. Así, co fin de mellorar a visibilidade, disporase un carril central de espera e habilitarase un cambio de sentido.

Esta actuación é susceptible de financiación a través dos fondos React UE.