Sanidade entrega os II Premios á Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia

Sanidade premiou tres novos proxectos que inciden na mellora da calidade de vida da poboación e na sostibilidade do sistema sanitario público

Nesta edición presentáronse 99 candidaturas, 75 na categoría de profesionais e 24 na modalidade de pacientes

Lugo, 12 de novembro de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presidiu esta mañá, no Hospital Universatario Lucus Augusti de Lugo, a entrega dos II Premios á Innovación en Saúde do Sistema Público de Galicia.
Os galardóns, promovidos pola Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), contan con dúas categorías -profesional e pacientes-, tendo por obxectivo pór en valor as ideas innovadoras nas que traballan os profesionais sanitarios do Sergas, os seus pacientes e as asociacións sen ánimo de lucro, na procura de mellorar a calidade de vida da poboación e na sostibilidade do sistema sanitario público.
Nesta segunda edición participaron un total de 99 proxectos, dos que 75 corresponderon á categoría profesional e 24 á modalidade de asociacións e pacientes.
Así, na categoría profesional, os dous proxectos que resultaron premiados este ano foron ‘TelecardioCHUS’ , e o programa ‘ReCO, de rehabilitación cardio oncolóxico’.
O primeiro deles, presentado polo equipo formado por José Ramón González Juanatey, Alejandro Virgós, Pilar Mazón e Rosa Represas, permitirá adaptar o modelo asistencial baixo a premisa de resolver no nivel asistencial axeitado os actos médicos, para evitar aqueles que non aporten valor nin aos pacientes nin ao sistema.
Pola súa banda, o programa ‘ReCO, de rehabilitación cardio-oncolóxico’, presentado polo equipo composto por Bibiana Villamayor Blanco, Carlos Peña Gil, Milagros Pedreira Pérez e José Ramón González Juanatey, incide no uso dos espazos dispoñibles para a Rehabilitación Cardíaca co ánimo de desenvolver programas de rehabilitación en pacientes con cancro. Neste senso preténdese convertelos nunha ferramenta terapéutica que contribúa á mitigación dos seus efectos secundarios.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu o traballo desenvolto por ambos equipos profesionais, agradecendo asemade a súa dedicación, a súa entrega diaria e a excelencia no traballo de cada un dos seus compoñentes.
Pola súa banda, na categoría de asociacións e pacientes, o proxecto galardoado nesta segunda edición foi “Telemedicina en tempos de COVID, durante e post COVID”, presentado pola Asociación Galega de Fibrose Quística.
esta candidatura busca instalar un sistema de telemedicina con monitorización telemática, recollida de mostras e envío de medicación ás persoas con Fibrose Quística; coa intención de posibilitar a mellora do benestar físico e emocional destes pacientes, ao tempo que se garante a calidade asistencial sanitaria e o seu seguimento.
Este proxecto contempla o seguimento habitual das persoas que padezan esta doenza en situacións de urxencia, e o emprego de diversos dispositivos para a súa monitorización telemática. Así mesmo, propón a creación dunha rede conxunta de información a través de TELEA
Tras felicitar aos conxunto de persoas que traballaron nos proxectos, o titular de Sanidade destacou o potencial das 99 candidaturas que se presentaron a esta segunda edición, destacando a importancia estratéxica que ten para o Sergas a innovación sanitaria, coa introdución de novos servizos, de cambios organizativos e de novos produtos tecnolóxicos asociados a servizos.

Incremento de 30 candidaturas respecto da primeira edición

O conselleiro de Sanidade, remarcou durante a súa intervención o importante incremento de candidaturas que se produciu nesta edición, ao presentarse 99 proxectos. En concreto, a segunda edición contou con 20 candidaturas máis que o ano pasado na categoría profesional, e 10 na categoría de pacientes e asociacións.
De entre todas elas, 11 proxectos chegaron até a final do certame. Na categoría profesional, e ademais dos dous proxectos galardoados, chegaron até a última fase a plataforma dixital BIT-O (benestar, información e tecnoloxía en Oncoloxía); a implantación dunha consulta de seguimento remoto de dispositivos cardioimplantables automatizada na plataforma TELEA; a iniciativa para a recuperación de pacientes perdidos con Hepatite C desde o sistema de información do laboratorio de microbioloxía; e TELEA en seguimento nutricional de pacientes institucionalizados en residencias sociosanitarias.
Na categoría de pacientes e asociacións, xunto co galardoado “Telemedicina en tempos de COVID, durante e post COVID”, tamén resultaron finalistas os proxectos ‘Preconsulta’; ‘En Compañía’ e outros dous proxectos vencellados á atención das persoas con esclerose múltiple e as enfermidades neuromusculares.

Imaxes relacionadas