A Xunta financiou a mellora viaria integral da estrada das Pasás, en Marín, ao abeiro do Plan marco cun investimento de 37.000€

O delegado territorial, Luis López, acompañado da alcaldesa, María Ramallo, supervisa esta actuación de acondicionamento da vía e reposición do firme entre os lugares de Xermade e Xuncal

O Concello de Marín recibiu máis de 240.000€ da Consellería do Medio Rural no último lustro para a mellora de pistas en doce núcleos rurais para favorecer a mobilidade e os traballos vencellados ao sector primario

Marín, 12 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, financiou a obra de reforma viaria integral da coñecida como Estrada das Pasás, no Concello de Marín, ao abeiro do Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas cun investimento de máis de 37.000 euros.
Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado pola alcaldesa de Marín, María Ramallo, realizou unha visita de supervisión dos traballos realizados, que veñen de rematar recentemente e que consistiron no acondicionamento da vía e a reposición do firme, así como outras melloras, no treito correspondente entre os lugares de Xermade e Xuncal.
“É fundamental realizar un apoio constante aos concellos para soster as súas infraestruturas rurais, tal e como facemos todos os anos dende a Xunta, para mellorar a mobilidade das súas aldeas e parroquias e facilitar os labores agrogandeiros, xa que, aínda que Marín é un municipio fundamentalmente costeiro, sempre teñen moito peso as tarefas agrícolas e é preciso favorecer a súa realización”, explicou o representante autonómico, que salientou o compromiso da Xunta con estes investimentos, xa que, este mesmo ano, incrementou o Plan Marco para este concello en máis dun 15%.
Deste xeito, o Concello de Marín ten recibido, ao longo do último lustro, máis de 240.000 euros da Consellería do Medio Rural para o acondicionamento das súas vías municipais vencelladas a zonas con peso agrogandeiro a través do citado Plan Marco de mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas.
Con estas achegas, favoreceuse a modernización viaria de ata unha ducia de núcleos rurais coa mellora de pistas como as de Troncosa-Candóns, Ameal-Ruanova en O Campo, Chan de Piñeiro-Candón, cemiterio de Santo Tomé de Piñeiro-Esperela, Arealonga-Pituco ou a citada Xermade-Xuncal.

Imaxes relacionadas