‘Camiño da innovación’ desprázase o luns a Caldas de Reis para achegar as oportunidades de innovar ás pemes da contorna

Trátase da sexta parada das 18 que fará o tráiler polas catro provincias galegas nos meses de novembro e decembro

Neste espazo ofrecerase asesoramento experto individualizado, formación a medida e casos de éxito de pequenas e medianas empresas locais innovadoras como Ecoplas Barbanza SL e Kemegal Químicos SL

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

A iniciativa Camiño da Innovación, posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), chega o próximo luns 15 de novembro ao concello pontevedrés de Caldas de Reis. Trátase dun espazo itinerante que realizará 18 paradas nas catro provincias galegas durante os meses de novembro e decembro, co obxectivo de prestar asesoramento ás pemes e difundir entre elas a necesidade e a oportunidade de innovar, como factor clave para gañar competitividade e medrar.

O tráiler deste programa pioneiro en Galicia estará dispoñible de 9,00 a 18,00 horas na Praza do Camiño Portugués e contará coa presenza da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey. Os interesados en participar deberán inscribirse previamente a través da páxina web de Gain.

Esta iniciativa enmárcase no Programa de Impulso á Innovación nas Pemes posto en marcha pola Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, dotado con 12M€ para axudar ás pemes e microempresas galegas a investir en innovación. A través das distintas actuacións, tratarase de promover que as empresas que non innovan inicien a senda da competitividade baseada no coñecemento e, principalmente, tratarase de dinamizar aos tecidos empresariais dos núcleos non urbanos.

Experiencia de primeira man

En cada etapa ofrecerase asesoramento personalizado a pemes por parte de técnicos de Gain para analizar as oportunidades de innovar e como levala a cabo. O obxectivo é atender máis de 200 consultas na xira, axudando a cada empresa a elaborar unha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.
Ademais, celebrarase un encontro onde se presentarán exemplos de pemes innovadoras da contorna; en total, contarase con 54 casos de éxito que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa.

En Caldas, a cita con compañías innovadoras terá lugar de 16,00 a 17,30 horas na oficina de turismo da man de Ecoplas Barbanza SL -centrada na fabricación de mallas extruídas destinadas principalmente ao cultivo e envasado de marisco- e Kemegal Químicos SL -orientada á fabricación de produtos químicos destinados á limpeza e hixiene en xeral, tratamento de solos e mantemento industrial-.

Por último, poranse a disposición do público materiais explicativos das ferramentas e técnicas de innovación, que se irán incrementando con novos contidos durante 2022, así como un curso en liña sobre aspectos básicos da innovación.

Próximas paradas:
 

 

DATA
CONCELLO
16/11/2021
Santa Comba
17/11/2021
A Estrada
18/11/2021
Ponte Caldelas
22/11/2021
Salvaterra de Miño
23/11/2021
Ribadavia
24/11/2021
San Cibrao das Viñas
25/11/2021
Xinzo de Limia
29/11/2021
A Veiga
30/11/2021
Monforte
01/12/2021
Chantada
02/12/2021
Melide
09/12/2021
Meira

Máis información e inscrición neste enlace.