A obra de ampliación da Avenida da Deputación de Sabón, en Arteixo, fai necesario un corte diúrno do tráfico esta fin de semana

O corte comezará o sábado ás 8 horas, restablecéndose o tráfico ás 20 horas, repetíndose o domingo a mesma operación para evitar a afección en días laborables

O tráfico quedará restrinxido entre a avenida da Moda e a avenida da Ponte e a avenida da Enerxía, podendo circular pola estrada AC-552 a través da avenida da Ponte
 

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2021

A obra de ampliación que está a executar a Xunta na avenida da Deputación de Sabón, en Arteixo, fará necesario un corte diúrno do tráfico esta fin de semana .
O corte comezará esta sábado día 13, ás 8 horas, quedando restablecido o tráfico ás 20 horas e repetindo o mesmo procedemento durante a xornada do domingo 14, tratando de evitar así a afección á circulación en días laborables.
Deste xeito, quedará restrinxido o tráfico da avenida da Deputación, entre a avenida da Moda e a avenida da Ponte e a avenida da Enerxía.
Para facilitar a mobilidade, este corte estará sinalizado con antelación, así como o itinerario alternativo pola estrada AC-552 a través da avenida da Ponte.
Estes peches de circulación son necesarios para avanzar nas obras de ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación no polígono de Sabón, que está acometendo a Xunta.

Máis concretamente é preciso para executar o novo colector de pluviais na entrada do acceso á estación de Inspección Técnica de Vehículos (ITV) pola avenida da Deputación. Tamén se executarán os traballos de retirada da acometida de gas no punto quilométrico 0+700, que fai necesario invadir o carril e, polo tanto, restrinxir a circulación.

Investimento, máis de 6,3 M€

O pasado 11 de xaneiro comezaron estas obras de ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación no polígono de Sabón. A data prevista de remate das obras é o verán do vindeiro ano, se ben se executan procurando acurtar en todo o posible os prazos.

Con esta intervención integral, que supón un investimento de máis de 6,3 millóns de euros, perséguese solucionar os problemas de fluidez do tráfico que se xeran nas horas puntas nesa contorna, favorecer os movementos e facer máis cómodos e seguros os desprazamentos das persoas que cada día se achegan ao polígono.

Cómpre precisar que durante a execución das obras se prima o mantemento dun carril útil para a circulación en cada sentido co fin de non afectar nunca á plataforma completa e dar unha alternativa aos tráficos.