O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo participa nun proxecto innovador de aproveitamento e revaloración de restos de biomasa forestal

O grupo de innovación Biofore Plus integra diferentes actores da cadea de valor forestal, agrícola e gandeira, xerando solucións á xestión de biomasa para anticiparse aos incendios forestais

Xorde do proxecto Biofore, financiado pola Xunta no marco das axudas de apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal

Nas experiencias realizadas, obtivéronse restos de piñeiro, eucalipto e acacia caracterizados para a valorización enerxética e fabricouse un forno pirolítico para a elaboración de biochar e carbón vexetal
 

Abegondo (A Coruña), 12 de novembro de 2021

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, inaugurou hoxe unha xornada técnica sobre as aplicacións do biochar no sector agrogandeiro, que serviu para facer balance dun proxecto innovador no que está a participar o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo para o aproveitamento e revalorización de restos de biomasa forestal. Trátase do grupo de innovación Biofore Plus, xurdido do proxecto Biofore subvencionado pola Xunta no marco das axudas de apoio de proxectos piloto para o desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal.

Biofore Plus integra diferentes actores da cadea de valor forestal, agrícola e gandeira, xerando solucións á xestión de masas forestais sobre as que non se pode executar un aproveitamento madeireiro viable economicamente e, ao tempo, anticipándose aos incendios forestais e reducindo escenarios proclives a que se desenvolvan pragas ou enfermidades. No proxecto participa a Axencia Galega da Calidade alimentaria e a Universidade de Vigo, entre outros axentes.

En concreto, no marco da iniciativa probouse a eficacia dun tándem tecnolóxico conformado por un cabezal talador acumulador montado sobre unha empacadora e autocargador. Das experiencias realizadas, obtivéronse restos de piñeiro, eucalipto e acacia que foron caracterizados para a súa valorización enerxética e fabricouse un forno pirolítico para elaborar carbón vexetal (empregado como combustible) e biochar (un tipo de carbón vexetal que se aplica ao solo para mellorar as súas propiedades). Tras a caracterización, cuantificouse ademais a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro como o amoníaco e o metano.

Na xornada técnica de hoxe, ademais do director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, intervén o investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo Juan Castro Insua, referíndose precisamente á redución de emisións de amoníaco e de metano en fosas de dexección gandeiras con biochar. Despois, moderará unha mesa redonda sobre os materiais de cama usados en explotacións de vacún e avícolas na que se tratarán as posibilidades do biochar nese sentido.

No encontro tamén terá lugar unha visita técnica a cargo de María Ángeles Román, enxeñeira agrónoma colaboradora da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, mostrando unha estrutura piloto para analizar as emisións de gases de efecto invernadoiro en fosas de dexeccións gandeiras. Por último, clausurará a xornada Abelardo Nimo, director do Centro de Investigacións Agarias de Mabegondo.
 

Imaxes relacionadas