A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, respondeu esta tarde unha pregunta no Parlamento sobre a depuración de augas residuais na illa

A Xunta destinará á mellora da depuración en Ons parte dos fondos europeos asignados ao Parque Nacional

Galicia contará cun total de 2,8 M€ de execución directa nas Illas Atlánticas

Do Campo lembra que as competencias en saneamento son municipais pero que o Goberno galego leva anos asumindo a función do concello por responsabilidade

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia destinará parte dos 2,8 millóns de euros dos fondos europeos de recuperación asignados ao Parque Nacional das Illas Atlánticas a financiar un novo proxecto para mellorar a depuración das augas residuais en Ons.

Así o anunciou esta tarde no Parlamento a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, en resposta a unha pregunta sobre o funcionamento actual do sistema de saneamento na illa.

Neste sentido, a responsable autonómica explicou que a día de hoxe Ons conta con dúas depuradoras en servizo pero que debido á afluencia de visitantes en determinadas épocas do ano e á elevada produción de graxas e residuos asociada a estes picos, estanse a detectar problemas de funcionamento puntuais.

Na busca dunha solución e co fin de adaptar a actual infraestrutura de depuración de augas “ás necesidades” tanto dos veciños como dos visitantes da illa, a directora xeral indicou que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda decidiu destinar parte dos fondos europeos de execución directa no Parque Nacional ao futuro proxecto da depuración de Ons.

Como paso previo, precisou que xa se está a levar a cabo un traballo de valoración inicial para identificar tanto os problemas como as opcións máis axeitadas e recomendables que permitan asumir as necesidades de depuración nos períodos de maior afluencia pero tamén nas épocas en que só están ocupadas unhas cantas casas. Unha vez estea clara esa solución técnica, engadiu, redactarase o proxecto para a continuación e tan pronto como sexa posible comezar coa súa execución.

En todo caso, lembrou que as competencias en materia de saneamento e abastecemento “son estritamente municipais”, tal e como establece a Lei reguladora das bases de réxime local e a normativa sectorial de augas, polo que debería ser o Concello de Bueu a administración que asumira o seu mantemento e posibles melloras.

Non obstante, subliñou que é a Xunta a que leva anos asumindo “por responsabilidade” o traballo que non fai o Goberno municipal nesta materia, resolvendo os problemas de funcionamento que se detectan e investindo fondos propios en melloras e reparacións.

“Non só colaboramos, senón que asumimos cousas que tiña que facer outra administración tanto desde o punto de vista técnico como tamén económico”, indicou Do Campo, que enmarcou nese mesmo compromiso da Xunta coa illa de Ons a decisión de asumir agora a execución dunha actuación “tan importante para veciños e visitantes” como é a mellora do seu actual sistema de depuración.
 

Imaxes relacionadas