O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral de Desenvolvemento Rural participaron esta tarde nunhas xornadas organizadas polas Escola Superior de Arquitectura da UDC

A Xunta levará a cabo a revitalización das aldeas modelo a través dun Plan de dinamización do seu núcleo rural

Destacou que neste ano se comezou a traballar na elaboración do Plan de dinamización das aldeas de Muimenta (Carballeda de Avia), Penedo (Boborás) e Osmo (Cenlle) e ao longo de 2022 porase en marcha o seu desenvolvemento

O conselleiro tamén fixo fincapé no Catálogo de solos agropecuarios e forestais, un instrumento de ordenación que permitirá facer unha planificación integral contemplando os usos agrícolas, gandeiros e forestais do territorio

A Coruña, 11 de novembro de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, e a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, participaron nas xornadas “O medio rural: un territorio organizado en proceso de transformación”, organizadas pola Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, cun relatorio titulado “Volta á paisaxe tradicional con criterios do século XXI".
Alí, o conselleiro destacou o Plan de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo, recollido na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, permitirá levar a cabo a revitalización do núcleo rural das aldeas modelo.
Neste senso, o titular de Medio Rural subliñou que Galicia conta coa metade de núcleos poboacionais de toda España, concretamente 30.362 segundo os datos de 2020 do INE e preto de 300.000 vivendas deshabitadas. Se a iso engadimos que hai máis de 500.000 hectáreas abandonadas potencialmente mobilizables, é evidente que a Lei de recuperación da terra suporá unha solución a este tipo de cuestións, matizou o conselleiro, ao contemplarse tanto a posta en valor das terras como agora dos propios núcleos rurais.
Así, José González salientou dito Plan de dinamización tamén posibilitará desenvolver sistemas alimentarios locais e canles curtas de comercialización, ademais da promoción de estratexias para a xeración de valor engadido nos produtos agroalimentarios e forestais, o deseño de modelos de negocio local sustentables, entre outras melloras.
Nesta liña, o conselleiro remarcou que este ano xa se comezou a traballar na elaboración do Plan de dinamización de tres aldeas piloto: Muimenta (Carballeda de Avia), Penedo (Boborás) e Osmo (cenlle), e ao longo de 2022 empezarase co seu desenvolvemento. Así mesmo, lembrou que en Galicia hai actualmente 14 aldeas modelo declaradas, das cales tres delas xa están en funcionamento e están destinadas a gandaría en extensivo con razas autóctonas.

Catálogo de solos agropecuarios e forestais

Durante a súa intervención, José González tamén fixo fincapé nun instrumento de ordenación dos usos do solo rural, o Catálogo de solos agropecuarios e forestais. Este instrumento -que tamén introduce a Lei de recuperación da terra- permitirá facer unha planificación integral contemplando os usos agrícolas, gandeiros e forestais do territorio, colocando “cada cousa no seu sitio”, matizou o conselleiro.
Así mesmo, a directora xeral recordou que nos orzamentos de 2022 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural están consignado case un millón de euros para desenvolver o mapa de usos agroforestais de Galicia e outros 600.000 euros para a ordenación de usos e plans integrais de xestión de terras. Neste senso, Inés Santé explicou que, no ano 2022, a Consellería centrará os esforzos no Plan integral de recuperación, dinamización e valorización integral da área suroriental de Ourense a través dun convenio coa Vicepresidencia primeira e dez concellos da comarca. Neste ámbito, matizou, xa están delimitadas 1.000 hectáreas para a recuperación de terras, nas que xa se está empezando a poñer en marcha os diferentes instrumentos da lei, ademais do catálogo de solos agropecuarios e forestais da comarca.
Finalmente, o conselleiro destacou o proxecto tractor da Consellería para optar aos fondos Next Generation, que consiste na recuperación integral e sostible do rural galego, o cal propón a posta en produción de 18.000 ha de terra para usos agrícolas, gandeiros ou forestais, priorizando áreas abandonadas ou infrautilizadas, a través da execución de 100 polígonos agroforestais e actuacións de xestión conxunta e 200 aldeas modelo.
 

Imaxes relacionadas