O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia

A Xunta aproveitará ao máximo os fondos europeos para avanzar na transformación da mobilidade sostible a pesar dos condicionantes do Goberno central

Menéndez lamenta que o Executivo estatal só lle conceda a Galicia 51 M€ para investir en concellos de máis de 50.000 habitantes, deixando fóra á maior parte do territorio galego

Sinala que para acadar o maior rendemento posible dos fondos, a Xunta priorizará o avance nas intermodais da Coruña, Lugo e Ferrol ou a dixitalización do transporte

Avanza a dotación de aparcadoiros disuasorios nas zonas próximas ás entradas ás cidades, conectándoos cos servizos de transporte público para minimizar o uso do vehículo privado

Adianta a aposta por executar sendas peonís e ciclistas nas vías de acceso ás cidades para conectalas coas estacións intermodais, os hospitais ou os centros administrativos

Detalla que a Xunta tamén empregará estes investimentos para mellorar as paradas de autobuses nas estradas autonómicas, optimizando as marquesiñas ou a accesibilidade

Critica que o Goberno central ignorase a declaración institucional ‘Por un rural forte e conectado’, na que a Xunta e 153 concellos reclaman un reparto equilibrado dos fondos

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2021

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento, onde salientou que, a pesar dos criterios do Goberno de España na asignación dos fondos europeos Next Generation e dos condicionantes que establece para a súa execución, a Xunta aproveitará ao máximo estes fondos para avanzar nunha auténtica transformación da mobilidade sostible e das infraestruturas do transporte público.

Francisco Menéndez lamentou que o Ministerio de Transportes tan só lle conceda a Galicia 51 millóns de euros procedentes destes fondos europeos, establecendo que as actuacións se deberán realizar en áreas metropolitanas de concellos de máis de 50.000 habitantes, o que supón deixar fóra deste financiamento á maior parte do territorio galego.

Non obstante, co obxectivo de acadar o maior rendemento posible dos fondos, concretou que a Xunta priorizará as obras para avanzar nas estacións intermodais da Coruña, Lugo e Ferrol ou na dixitalización do transporte.

Tamén salientou a aposta autonómica por avanzar na dotación de aparcamentos disuasorios en zonas próximas ás entradas ás cidades, conectándoos cos servizos de transporte público para minimizar o uso do vehículo privado e contribuír ás baixas emisións. Avanzou que estes aparcadoiros poderán dispoñer de puntos de recarga eléctrica, áreas de alugueiro de bicicletas, zonas verdes e outros sistemas de redución de gases de efecto invernadoiro.

Indicou que a Xunta tamén financiará con estes fondos europeos a execución de sendas peonís e ciclistas na contorna das principais vías de entrada ás cidades, co obxectivo de acadar a conexión coas estacións intermodais, os hospitais ou os centros administrativos.

Ademais, o Goberno galego tamén empregará estes investimentos para mellorar as paradas de autobuses nas estradas autonómicas para facer máis competitivo o transporte público. Así, sinalou que se optimizarán as marquesiñas, a accesibilidade para persoas con mobilidade reducida ou o sistema de información, ademais da seguridade, con perspectiva de xénero.

Destacou que a Xunta ten proxectos xa avanzados na súa redacción, como pode ser a estación de autobuses integrada na intermodal da Coruña; o aparcadoiro disuasorio na autovía do Morrazo, no enlace de Meira; ou as actuacións de mellora na contorna do CEIP de Xeve, en Pontevedra, incluíndo as sendas nas estradas PO-223 e PO-224.

Defensa do rural

O director da Axencia Galega de Infraestruturas recordou que a Xunta lle remitiu ao Goberno central a declaración institucional ‘Por un rural forte e conectado’, na que 153 concellos reclaman un reparto equilibrado dos fondos Next Generation, pero a solicitude foi ignorada.

Neste sentido, criticou que a falta de flexibilidade do Ministerio de Transportes impedirá levar a cabo a proposta de 10 proxectos que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade lle trasladara.

Recordou que a proposta autonómica consistía nun conxunto de actuacións transformadoras e orientadas á mobilidade sostible, ás infraestruturas de transporte, ao equilibrio territorial e ao impulso demográfico.

Ademais, reiterou a inquedanza da Xunta ante os prazos impostos polo Ministerio, pois dispón ata 2026 para a execución das obras con cargo a estes fondos de reconstrución, pero establece que as demais administracións deben telas rematadas a finais de 2024.

Tamén se amosou preocupado pola tardanza do Goberno de España en emitir os informes e autorizacións necesarias para levar a cabo algunhas da actuacións xa que “desgraciadamente temos demasiados exemplos de infraestruturas bloqueadas polo Goberno de España neste momento”, lembrou, poñendo como exemplo o acceso ao Porto Seco de Monforte.

Imaxes relacionadas