O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, informou na Comisión 2ª do Parlamento dos avances na actuación, que suporá un investimento superior aos 9 M€

A Xunta destaca o consenso absoluto dos técnicos no deseño e funcionalidade da variante de Ribeira para dotar o núcleo urbano de novos accesos alternativos á AC-550

Francisco Menéndez adianta a incorporación de melloras no proxecto para reducir no posible o impacto aos veciños e a participación do Concello no deseño exacto das obras da 1ª fase, de conexión da glorieta do final da autovía do Barbanza coa avenida da Constitución

Precisa que o obxectivo da Xunta é dotar o núcleo de Ribeira de novos accesos mediante unha vía alternativa, de xeito que desde a glorieta na que conflúen a AC-550 e a autovía AG-11 se conecte rapidamente co centro de Ribeira en cinco puntos distintos

Subliña que a intervención da Xunta dará maior fluidez na circulación e desconxestionará as rúas do núcleo de Ribeira ao tempo que conectará a vía provincial DP-7307 co centro urbano

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2021

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, destacou hoxe o consenso absoluto dos técnicos no deseño e funcionalidade da Variante de Ribeira que está a impulsar a Xunta para dotar o núcleo urbano de novos accesos alternativos á estrada AC-550.

Francisco Menéndez interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento de Galicia, onde informou dos avances nesta actuación estratéxica para os veciños de Ribeira, que suporá un investimento da Xunta superior aos 9 M€.

Subliñou que unha vez pechado o procedemento de información pública, e tras a recente aprobación da declaración de impacto ambiental, a Xunta traballa agora no peche do proxecto e na contestación ás suxestións presentadas.

Neste sentido adiantou que se incorporarán ao proxecto as melloras derivadas do proceso de información pública, para reducir no posible o impacto aos veciños.

Ademais tamén avanzou que se abordará e consensuará co Concello o deseño exacto das obras da 1ª fase da actuación, para definir ata onde abranguerá esa 1ª fase na chegada ao núcleo urbano de Ribeira.

Cómpre lembrar que a previsión da Xunta é executar a Variante de Ribeira en dúas fases: unha primeira, que conectará a glorieta do final da autovía do Barbanza coa avenida da Constitución; e unha segunda, que irá desde esta avenida ata a estrada da costa (DP-7307), impulsando así, tamén, un novo acceso ao porto de Ribeira.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas incidiu na finalidade do proxecto da Xunta, destacando o obxectivo de dotar o núcleo de Ribeira de novos accesos mediante un viario alternativo á estrada autonómica, de xeito que desde a glorieta na que conflúen a AC-550 e a autovía AG-11 se conecte rapidamente co centro de Ribeira en cinco puntos distintos.

Ao mesmo tempo, a intervención proxectada pola Xunta proporcionará unha saída rápida desde diversos puntos do centro de Ribeira cara á autovía AG-11 e á AC-550, na zona da glorieta do polígono de Xarás. Isto, engadiu, permitirá unha maior fluidez na circulación e desconxestionar as rúas do núcleo de Ribeira.

A este respecto, apuntou que o proxecto sometido a información pública permitirá conectar a estrada DP-7307 co centro de Ribeira en catro puntos distintos e coa glorieta de conexión da AC-550 e AG-11, posibilitando que parte do tráfico que accede por esta estrada ao núcleo de Ribeira, ou sae del, non precise atravesar todo o núcleo. Isto permitirá que o tráfico se desvíe directamente desde a avenida dos Airos á glorieta da AG-11 e AC-550, ou conecte coa zona de Cubeliños ou coa zona rúa Ameneiros e avenida da Constitución.

Argumentou que o proxecto alternativo de circunvalación, consistente na mellora da estrada provincial CP-7301 entre Xarás e Frións, se comporta como unha variante das estradas provinciais e non como unha variante da estrada AC-550, ademais de non cumprir co obxectivo de reducir o tráfico no centro de Ribeira e na AC-550.

Francisco Menéndez lembrou, por último, que o deseño do trazado da Variante de Ribeira proposto pola Xunta pasou por dúas consultoras especialistas en estradas, “das mellores que hai en Galicia”, ademais da que fixo o estudo comparativo para o propio Concello.

Imaxes relacionadas