A Xunta anima ás pemes da comarca de Ordes a innovar para ser máis competitivas e chegar a novos mercados

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe no municipio coruñés de Ordes na iniciativa Camiño da Innovación, que está a percorrer toda Galicia a través de 18 paradas

O obxectivo desta xira é difundir as vantaxes de innovar entre as pequenas e medianas empresas situadas fóra dos núcleos urbanos para mellorar a súa competitividade

Ordes (A Coruña), 11 de novembro de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou hoxe na parada que a iniciativa Camiño da Innovación fixo en Ordes, onde sinalou que “a innovación é a esencia da competitividade das pemes, xa que determina a súa capacidade para diferenciarse, achegar valor, adaptarse á contorna e medrar” e indicou que “innovar non é só cousa das grandes empresas, senón que está ao alcance de todas, con independencia do seu tamaño, localización ou sector”.

Así, Argerey instou ás empresas participantes a innovar para non poñer en risco a súa supervivencia, ao mesmo tempo que apuntou que as pemes, como motor da economía galega, supoñen unha prioridade máxima para a Xunta.

Camiño da Innovación forma parte do Programa de Impulso da Innovación nas Pemes do posto en marcha polo Goberno galego co obxectivo de acompañar aos sectores máis tradicionais a evolucionar cara a unha economía máis innovadora a través do deseño de liñas de axudas pensadas para eles; difundir a cultura da innovación entre as empresas para aumentar o número de pemes innovadoras galegas; xerar contidos formativos e ferramentas para axudarlles a valorar se están no momento de innovar; e ofrecer casos de éxito de compañías innovadoras da contorna que sirvan de exemplo.

Próximas paradas

A de Ordes é a quinta parada que realiza Camiño da Innovación, que chegará a un total de 18 concellos galegos entre os meses de novembro e decembro para xerar conciencia nas pequenas e medianas empresas sobre a importancia de innovar para medrar e chegar a novos mercados. As próximas citas serán a semana que vén en Caldas de Reis (luns 15), Santa Comba (martes 16), A Estrada (mércores 17) e Ponte Caldelas (xoves 18).
En cada parada ofrécese asesoramento personalizado a pemes e microempresas mediante cita previa, da man de técnicos de Gain para axudarlles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica. O obxectivo é realizar máis de 200 asesoramentos en toda a xira, colaborando con cada empresa na elaboración dunha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.
Ademais, Camiño da innovación contará tamén coa experiencia de máis de 50 casos de éxito de pemes que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa.

Na cita de hoxe en Ordes participaron as empresas Fachadas del Norte -empresa dedicada á fabricación de sistemas de ancoraxe e fixacións para a colocación de fachadas ventiladas e aplacados pétreos e cerámicos-, e TMC Cancela -compañía dedicada á fabricación de maquinaria agrícola, forestal e hidráulica-.

Pode consultarse máis información sobre próximas citas de Camiño da Innovación neste enlace.

Imaxes relacionadas