O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, participaron no sexto foro Retos Internacionales del Ecosistema Salud (RIES)

A Xunta pon en valor os avances das novas tecnoloxías para mellorar a saúde e os coidados das galegas e galegos

Francisco Conde apunta que Galicia destaca por ser un dos polos biotecnolóxicos máis activos a nivel nacional, con 127 empresas que dan emprego a preto de 1.900 profesionais, e unha destacada presenza no ámbito da medicina

Fabiola García subliñou que tanto os avances tecnolóxicos como as melloras na coordinación sociosanitaria brindan a posibilidade de que as persoas maiores se sintan seguras á vez que gozan de toda a súa liberdade nesta etapa da vida

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2021

A Xunta de Galicia puxo en valor os avances das novas tecnoloxías para mellorar a saúde e os coidados das galegas e galegos. O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e a conselleira de Política Social, Fabiola García, participaron hoxe de xeito telemático no sexto foro sobre Retos Internacionales del Ecosistema Salud (RIES), organizado polo Clúster de Saúde de Galicia.

Francisco Conde apuntou que Galicia destaca por ser un dos polos biotecnolóxicos máis activos a nivel nacional, con 127 empresas que dan emprego a preto de 1.900 profesionais, e unha destacada presenza no ámbito da medicina. Para seguir avanzando no desenvolvemento desta industria e no benestar social, xerando cambios que transformen e impacten na vida das persoas, Conde destacou que na candidatura galega aos fondos Next Generation a medicina personalizada é unha área prioritaria, con proxectos que suman 500 millóns de euros. Estas iniciativas céntranse en eidos como a medicina xenómica, o descubrimento de novos fármacos ou a investigación oncolóxica.

Pola súa banda, a conselleira de Política Social subliñou que tanto os avances tecnolóxicos como as melloras na coordinación sociosanitaria brindan a posibilidade de que as persoas maiores se sintan seguras á vez que gozan de toda a súa liberdade nesta etapa da vida.

Neste sentido, lembrou que a Xunta comezou a traballar da man do Comité Asesor Sociosanitario a través da Dirección Xeral de Atención integral Sociosanitaria, dirixida por Antón Acevedo, quen tamén asistiu ao evento, nun novo modelo de coidados que inclúa a tecnoloxía entre os seus piares fundamentais e que permita a creación de residencias intelixentes. Sobre os elementos principais que sustentan o novo modelo falaron nunha mesa redonda o subdirector xeral de Planificación, Sistemas de Información, Calidade, Humanización e Innovación Asistencial, Javier Ventosa, e o xefe do Servizo de Planificación, Innovación asistencial e Xestión da Información, Alfredo Silva Tojo.

Residencia intelixente

Fabiola García apuntou que este modelo xa se comezou a aplicar na residencia pública autonómica da Estrada e que se estenderá ao 100% de residencias públicas de Galicia. As innovacións incorporan melloras que axilizan o traballo dos profesionais, como monitores multiparamétricos; así como o benestar dos usuarios, a través de habitacións intelixentes con sensores que avisan se unha persoa sufre unha caída ou deambula pola noite.