Feijóo reitéralle nunha carta ao presidente do Goberno a preocupación ante o incremento do prezo da enerxía e a escaseza e encarecemento das subministracións

Incide na necesidade de que na próxima Conferencia de Presidentes Autonómicos se inclúan estas cuestións para que as Comunidades Autónomas poidan achegar as súas visións, propostas e o seu compromiso co goberno de todos

Avanza que fará fincapé nestas cuestións na reunión que o luns manterá en Madrid coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, na que tamén pedirá abordar o problema das empresas electrointensivas

O Consello da Xunta acorda intensificar o contacto cos principais clústeres sectoriais galegos para avaliar o impacto que esta escaseza de subministracións está a provocar en Galicia
 

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2021.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe, tras a reunión do Consello, que lle reiteroulle nunha carta ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, a preocupación ante o incremento do prezo da enerxía e a escaseza e encarecemento das subministracións.

Ademais, Feijóo tamén solicitou ao xefe do Executivo central que reconsidere algunhas das decisións económicas adoptadas ou anunciadas para os próximos meses que poden agravar aínda máis a situación. Puxo como exemplo disto o incremento xeneralizado da presión fiscal ou “a modificación da lexislación laboral, improvisada e de forma inmediata, que incrementará aínda máis as dificultades de obter emprego”.

O titular do Goberno galego tamén incidiu na importancia de que na próxima Conferencia de Presidentes Autonómicos -prevista para este ano, pero que, polo anunciado onte por Pedro Sánchez, pode adiarse ata 2022- se inclúan estas cuestións para que “as Comunidades Autónomas poidamos achegar as nosas visións, as nosas propostas e o noso compromiso co goberno de todos”.

A maiores, Feijóo avanzou que tanto o desabastecemento como o incremento do prezo da enerxía serán cuestións nas que fará fincapé na reunión que o luns manterá en Madrid coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto. Nese encontro, segundo explicou o presidente da Xunta, abordará tamén ”o problema das empresas electrointensivas”.

Nesta liña de avaliar unha situación que se agudiza en plena fase de recuperación da economía tras a pandemia, o Consello da Xunta acordou hoxe intensificar o contacto cos principais clústeres sectoriais galegos para avaliar o impacto que esta escaseza de subministracións está a provocar en Galicia.
 

Imaxes relacionadas