O director da Axencia Galega da Calidade alimentaria clausura no CEIP a Lomba de Vilagaría de Arousa a II edición da campaña “Come local”

Este programa promoveu o consumo de menús especiais elaborados con producións acollidas a indicacións xeográficas e denominacións de orixe protexidas nunha vintena de comedores escolares

“Come Local” lévase a cabo no marco da rede Mercaproximidade, creada por Medio Rural para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas por mor da covid-19
 

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 11 de novembro de 2021

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, clausurou esta mañá no CEIP A Lomba, situado no concello pontevedrés de Vilagarcía de Arousa, a II edición da campaña “Come Local”, que promove o consumo dos produtos agroalimentarios galegos con indicativo de calidade nos comedores escolares. Esta iniciativa forma parte da canle Mercaproximidade, creada pola Consellería para dar saída aos produtos agroalimentarios galegos que viron reducidas as súas vendas por mor da covid-19.

Así, durante esta campaña non só se promoveron menús especiais feitos con produtos de proximidade galegos acollidos a indicacións xeográficas protexidas (IXP) e denominacións de orixe protexidas (IXP) senón que tamén se desenvolveron actividades formativas, tanto sobre as características nutricionais das propias producións como sobre o impacto que supón o consumo de produtos certificados na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da ONU.

Nesa liña, o director puxo en valor a boa acollida que tivo este programa e grazas ao cal os máis pequenos coñecen a importancia de consumir produtos locais, ademais de ensinarlles como poden identificalos de xeito sinxelo grazas ás distintas etiquetas dos selos de calidade. Ademais, este ano enviáronselle fichas didácticas sobre as producións con indicativo aos profesores para que puideran incorporar toda esta información aos programas escolares e traballouse tamén cos cociñeiros e responsables de comedor para tratar de incorporar os produtos aos menús de xeito continuo.

Nesta segunda edición participaron un total de 16 comedores escolares das catro provincias galegas, así como os catro designados como “Comedores escolares km 0”, que xa estiveron na primeira edición. Así, elixíronse centros situados preto de posibles provedores de produtos con denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas ou ecolóxicos para poder acceder a recoñecementos como o de “Comedores Km 0”, debido á súa aposta polas producións de proximidade á hora de confeccionar os seus menús. Outro criterio para a elección foi o de considerar os distintos sistemas de xestión tanto educativa como do comedor e, así, na campaña participan centros escolares públicos, concertados, comedores xestionados por ANPAS ou os servizos de catering.
 

Imaxes relacionadas